Segundo se fixo saber este martes 24 no transcurso do acto de apertura de Cultukata´12, a programación de actividades en homenaxe á patroa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Pontevedra), a comunicación en galega aínda ten moito que camiñar. Isto que é aplicable a nivel de recursos e canles tradicionais, tamén vale para o escenario dixital. Así o fixo saber Amalia Baltar, presidenta da Asociación de Directivos da Comunicación en Galicia, quen compartiu co alumnado os obstáculos e eivas que debe salvar a profesión.
Primeiro, facendo entender o concepto de comunicación entre empresas, institucións e organizacións, e segundo, afianzando unha fronte común (profesionais e alumnos) para amosarlle á sociedade enteira o potencial dos comunicadores para deixar atrás a crise. Ao seu xuízo, malia que o primeiro que fan as empresas é prescindir da publicidade para conter gasto, é precisamente a publicidade, a comunicación en xeral, o que vai permitir que a empresa ou a entidade estea onde hai que estar e no intre máis oportuno.
Amalia Baltar (presidenta da dita Asociación e responsable de comunicación en Gas Natural Fenosa), tamén tocou, a raíz do interese amosado polas alumnas e alumnos que participaron no acto, a cuestión das redes sociais e o caso concreto da dita empresa enerxética nas comunidades 2.0. Baltar fixo saber que “o boom das TIC pillou á corporación no momento de integración das dúas empresas, pero estamos traballando neste campo tentando ser moi activos”. Engadiu que o sector empresarial “vai por detrás dos avances comunicativos que implican as redes sociais e moitos considéranas unha violación da intimidade”, pero é consciente de que é o camiño que hai que tomar “para entrar en contacto cos clientes, coa sociedade, cos provedores ou cos propios traballadores para intercambiar información e manter unha relación de confianza”, explicou Baltar e reflicte a Universidade de Vigo na súa web.
O ciclo de conferencias da semana cultural que honra a Santa Catarina de Siena continúa este mércores 25 de abril con José Vicente Martínez Cadilla, responsable de relacións externas de Mercadona, e con Lucía Fernández, de R Cable Galicia, que compartirán a súa visión sobre a xestión da comunicación interna e das redes sociais das empresas. Pecharán o ciclo o xoves 26 antigas alumnas da facultade que afondarán no co-working e na construción dunha marca de publicitarios, concretando no caso de Publigal.
Os retos da comunicación na nosa terra e o potencial das redes sociais, a debate en Cultukata
Compartir Este Artigo
