
Todo isto non é novo. De feito, os equipos de neuromarketers, conta a organización de XGN, levan varios anos empregando voluntarios para realizarlles un mapa neuronal e analizar como reacciona o seu cerebro a diferentes estímulos (imaxes, anuncios, probas de produtos…) Aplicando as técnicas do Neuromarketing que sexan máis eficaces no deseño de webs, polo tanto, poderemos ver como medran as visitas e as compras xeradas ao abeiro desas webs. Botar luz sobre todo isto e aprendernos a telo en conta nas nosas futuras accións como deseñadores é o gran obxectivo do obradoiro. Amais desta actividade, a organización de XGN prepara unha interesante sesión colectiva, formativa e de debate, sobre activismo tecnolóxico na Rede. Falamos do Obradoiro de Hacking Ético, unha actividade de divulgación que busca botar luz sobre o que significa e implica este tipo de internauta: un usuario das redes que descubre as eivas relativas á seguridade e as vulnerabilidades dos sistemas informáticos, que as avalía e calibra o seu grao de risco e recomenda logo as solucións máis axeitadas para cada unha delas. Durante este obradoiro, profesionais no eido da seguridade da información debullarán as diferentes modalidades de hacking ético e tratarán de amosar aos participantes as vulnerabilidades dos sistemas, especialmente en encontros públicos coma o evento XGN, precisamente.
Amais do devandito, confírmase un ano máis a celebración dun Obradoiro de modding, que, como saberemos, consiste en dar renda solta ao noso maxín e á nosa capacidade de sermos orixinais para inventarlles novas formas, sorprendentes e innovadoras, ás nosas carcasas de computador (ou mesmo ao seu miolo). Segundo se avanza dende XGN, o Obradoiro de modding: Técnicas de vinilo e pintura combinadas axudaranos a facer os nosos propios deseños e aplicalos logo nas nosas respectivas máquinas e aparellos.
Sobre Xuventude Galicia Net
Xuventude Galicia Net é un evento tecnolóxico que se celebra anualmente en Galicia. É a Lan Party galega máis importante, tanto en termos de xente á que se dá acubillo como no que atinxe a actividades e repercusión. XGN é un evento para os seareiros das TIC (novas tecnoloxías da información) pero tamén para os que non comungan con elas (conta cun programa de actividades na extranet dirixido a tódolos públicos).
A intranet (que require de inscrición previa) é un espazo de convivencia ininterrompida no que arredor de un milleiro de persoas comparten a súa vida, as súas experiencias e os seus ficheiros entre si. Hai un pouco de todo, sinala a organización do evento: torneos de xogos, risas, experiencias…
Tanto un espazo como outro (intranet e extranet) compleméntase cunha axenda “cargada de relatorios e obradoiros para contribuír a dinamizar a xuntanza: redes sociais, ciberbulling, programación, videoxogos… o calendario de charlas, nas que participarán expertos reputados en cada unha das áreas propostas”.
O evento celébrase no Palacio de Congresos de Santiago (dentro e fóra) e vén da man da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
