Esta semana a ración de debate e divulgación arredor das novas tecnoloxías vén da man de Emetel, que prepara unha xornada para este martes 8 de maio co punto de mira nunha cuestión de gran actualidade corporativa: os centros de almacenamento e procesamento de datos. O evento, inserido nos Almorzos Tecnolóxicos de Emetel (que van pola segunda edición), celebrarase en Palexco, na Coruña, a partir das 9.30 horas. A idea da empresa galega e retomar os éxitos da convocatoria do primeiro ano dos Almorzos e darlles aínda máis alcance e repercusión.
O obxectivo, informan, é “colaborar no espallamento do desenvolvemento tecnolóxico entre representantes da administración e do tecido empresarial galego, ampliando o seu formato e realizando algúns deles en espazos como o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia ou o CIS de Ferrol”. Como dixemos, o alicerce dos Almorzos de Emetel é o de achegar o escenario idóneo para debater arredor das novas tecnoloxías, facendo especial fincapé na vangarda das mesmas, na xeración de proxectos e solucións para empresas ou na transferencia tecnolóxica entre Emetel e os seus clientes.
O seminario deste martes ten o seguinte eixe temático: as novas ferramentas que ofrece o mercado dos DataCenter, “cada vez máis valorados polas empresas polo importante papel que desenvolven na xestión e na administración de tódolos procesos de cada entidade”. Segundo recorda a empresa organizadora, Emetel é unha “das firmas pioneiras en Galicia na posta en marcha destas solucións, levando a cabo a de Navantia no ano 2007 ou de Turgalicia máis tarde, ou a remodelación dos dous DataCenter do Concello da Coruña”. O seminario deste martes contará coa presenza de profesionais de Emetel e máis de Rittal, empresa especializada na fabricación e venda de estruturas TIC, da que Emetel é socia en España. Tamén participará Brand-Rex, compañía europea centrada en solucións de cableado estruturado.
Emetel achéganos este martes ás posibilidades actuais dos DataCenter
Compartir Este Artigo
