
O cloud computing, ademais de permitirlle ás firmas aforrar tempo e custes nas súas xestións, está a xerar novos modelos de negocio e cambiando a forma de prestar servizos de moitas empresas do sector TIC do noso país. O obxectivo deste obradoiro, posto en marcha pola Xunta de Galicia, é introducir ás persoas asistentes en aspectos como os modelos de negocio, a seguridade ou a regulación legal da tecnoloxía na nube, e facelo de xeito práctico, a través de varios exercicios que os e as asistentes experimentarán de primeira man.
O taller celebrarase en horario de mañá entre as 09:00 e as 14:00; e en horario de tarde de 15:00 a 19:00 durante os dous días, e está distribuído en módulos teóricos combinados con diferentes casos prácticos.
A xornada abrirase cunha charla maxistral de hora e media de duración, da man do enxeñeiro Antonio De Toro, director Comercial da empresa ACT, en palabras dos organizadores do evento, “pioneira en España na comercialización de servizos de software a través da nube”.
O resto do obradoiro será impartido polo enxeñeiro Rafael Martín Espada, responsable do Departamento de Innovación Tecnolóxica de Asesores e Consultores en Administracións Públicas, ACAP e recoñecido experto en materia de cloud.
Martín, que foi ademais Director Xeral de Telecomunicacións para a Sociedade da Información da Junta de Extremadura, así como profesor da Universidade de Extremadura, conta con ampla experiencia neste tema e responderá ás cuestións que os asistentes lle formulen.
As prazas para asistir ao Obradoiro son limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente en liña a través da web do Centro Demostrador TIC.
O CDTIC acolle esta semana un obradoiro sobre cloud computing para empresas TIC
Compartir Este Artigo

