
Todos eles, sabedores de que terán que durmir e comer nas mesmas instalacións onde xogan e comparten experiencias en torno ás TIC, terán á súa disposición un amplo abano de posibilidades que melloran a súa comodidade, tales como unha cafetería aberta 24 horas, postos de comida na zona de Expotaku e mesmo unha zona con mesas con electricidade integrada por se alguén desexa levar pequenos electrodomésticos tales como fervedoiros de auga, forniños eléctricos, sandwicheiras…
E é que alimentarse ben é imprescindible nesta cita anual, pois doutra maneira sería complicado que os seareiros da Arroutada LAN Party puidesen asistir con tódolos seus sentidos ás conferencias, obradoiros, concursos, competicións deportivas, xogos e todo tipo de actividades que a organización ten previsto levar a cabo un ano máis.
Polo de agora podemos saber, grazas á devandita web do evento, que este ano haberá dous torneos oficiais: un de League of Legends e outro de FIFA 2012; así como varios concursos de dobraxe, de dobraxe musical, de fotografía dixital, de vídeo, de gráficos 2D, de gráficos 3D, de Demoscene, de Fast Coding, de RTB e de Scripting Bash, estes últimos dirixidos sobre todo aos seareiros do software libre e as súas aplicacións.
A maiores, a parte dos que vaian xurdindo sobre a marcha e por petición dos asistentes, a organización tamén anunciou un concurso de seguridade, no que haberá que asaltar un obxectivo que se dará a coñecer na propia party.
Dos relatorios, conferencias e talleres a celebrar, a organización aínda non adiantou detalles polo que haberá que botar un ollo á web de cando en vez na sección de noticias e na de actividades.
Este xoves comeza na Coruña a XIX Arroutada LAN Party
Compartir Este Artigo

