Mañá venres, primeiro de xuño, vaise celebrar no edificio Emprendia da Universidade de Santiago de Compostela, a xornada A explotación dos recursos da empresa: xeración de novas liñas de negocio dunha EBT, na que se tratará de dar conta de novas canles de negocio para empresas de base tecnolóxica.
A xornada, que vai dirixida a profesionais vinculados á área de creación de empresas derivadas do coñecemento e a tecnoloxía, tales como promotores ou técnicos, tamén ten como obxectivo analizar os métodos existentes para converter unha liña de investigación en tecido empresarial.
As EBT, din dende a organización, “teñen como fin explotar economicamente novos produtos e servizos a partir de resultados da investigación científica e tecnolóxica”, xa que logo, a súa importancia nun momento como o actual radica en que contribúen ao desenvolvemento e difusión das novas tecnoloxías, á creación de emprego de calidade e á capacidade de xerar un alto valor engadido na actividade económica dun país.
O programa da xornada recolle a celebración dunha mesa redonda a partir das 9:30 horas, que moderará a directora do Centro de Estudos Avanzados da USC, María Xosé Rodríguez Galdo, e na que intervirán como relatores, o director de Colímera Consultores, Carlos Otero Barros, e o socio de SyV Consultores, Fernando Martínez Valdueza.
Posteriormente examinaranse diversos casos de éxito de EBT, nunha sesión moderada polo subdirector xeral de Apoio á Contratación, aos Emprendedores e ao Traballo Autónomo, Jorge Barros de la Peña.
Tamén intervirán o responsable de I+D+i de Innolact, Sergio Martínez Alonso; a fundadora de AMSlab Applied Mass Spectrometry Laboratory, Sandra Pedreira García; e a fundadora e xerenta de Ceo Aberto, SL, Mónica Moure Parada.
Xornada en Emprendia para achar novas liñas de negocio en empresas tecnolóxicas
Compartir Este Artigo

