A película galega de animación, O Apóstolo, vén de ser seleccionada pola organización do Festival Internacional de Cinema de Moscova para participar na súa Sección Oficial, converténdose na primeira galega do seu xénero en competir neste evento, considerado un dos máis importantes do mundo.
Xa que logo, o vindeiro 25 de xuño a produtora Artefacto Producciones, que anda ás voltas coa presentación da que será a primeira longametraxe europea de animación stop motion estereoscópico, partirá rumbo á capital rusa, onde competirá por segunda vez este ano coas máis prestixiosas pezas de animación do eido internacional (a primeira foi no Festival de Cine de Málaga o pasado 27 de abril).
A cinta, innovadora tanto pola técnica de 3D empregada como polo seu sistema de rodaxe, consegue entrar en competición na Sección Oficial dun festival que nunca antes seleccionara filmes de animación, co que, de facerse co primeiro premio, fará historia de novo ao terse convertido na primeira película de animación galardoada no Festival de cine de Moscova.
E méritos non lle faltan, pois neste proxecto, dirixido polo compostelán Fernando Cortizo, traballaron durante os últimos cinco anos máis de 200 técnicos internacionais especializados na captura estereoscópica, na animación e na creación de bonecos.
Estes profesionais contan con experiencia demostrada ao ter traballado en películas de éxito como Coraline, Matrix, O señor dos aneis ou Evasión na granxa, entre outras.
Na rodaxe, realizada integramente en Galicia, tamén se empregou un sistema innovador, que consistiu en gravar primeiro as escenas cos actores e actrices reais, para logo realizar bonecos á imaxe e semellanza de cada un dos intérpretes.
Nun terceiro paso, os encargados da animación empregaron as imaxes rodadas previamente, como referencia para imitar os movementos e expresións de cada actor e actriz á hora de animar os personaxes.
O bo resultado salta á vista, e destaca o feito de que, grazas á técnica empregada, o espectador pode esquecer dende o comezo do filme que está vendo bonecos, facendo así a historia máis realista, e permitíndolle centrar a súa atención exclusivamente na trama e na ambientación.
O Apóstolo fai historia no audiovisual galego ao ser seleccionada para o festival de cine de Moscova
Compartir Este Artigo

