As obras recoñecidas na pasada edición dos Premios Mestre Mateo, convocados pola Academia Galega do Audiovisual, van ser proxectadas ao longo dos vindeiros no Centro Galego de Artes da Imaxe, o CGAI, emprazado na Coruña. As xeiras comezarán este martes con Doentes, de Gustavo Balza, a partir das 20.00 horas, filme que se fixo co galardón á mellor longametraxe, entre outros. As sesión tamén incluirán (previamente) a proxección De amor e cantería de Píxel Films e Fundación Manuel María, mellor obra experimental. Esta curta, de 10 minutos de duración, vén da man de Anxa G. Refoxo e Mikel Fontes, e recrea os poemas de Sonetos á casa de Hortas nos que Manuel María recrea as súas vivencias na súa casa natal en Outeiro de Rei.
A seguinte cita chegará o mércores, día 4 de xullo, coa exhibición ás 20.00h de Engurras, cinta gañadora na X edición dos Premios Mestre Mateo nas categorías de Longametraxe de Animación, Dirección Artística, Son, Música Orixinal e Guión. Antes proxectarase El club del bromista, de Luís Usón e Usón Studio, gañador na categoría de Curtametraxe de Animación. O xoves 5 de xullo, tamén ás 20.00h, será a quenda da cinta que gañou o premio ao mellor Documental, As silenciadas, de Mr Misto, e de As damas negras, gañadora na categoría de Curtametraxe de ficción. Por último o venres 6 de xullo ás 18.00h proxectarase Eduardo Barreiros, o Henry Ford Galego, de Simón Casal de Miguel, gañadora na categoría de mellor Película para televisión e ás 20.00h Tralas Luces, de Sandra Sánchez, galardoada co Mestre Mateo á mellor Longametraxe Documental, Montaxe e Dirección.
O CGAI acolle a partir deste martes as proxeccións das obras galardoadas nos Mestre Mateo
Compartir Este Artigo
