AGAL e Andaime, duas entidades comprometidas co achegamento do galego ao portugués, dúas linguas irmás de sangue que nun tempo foron unha, van contar coa colaboración de EGANET para levar a cabo a iniciativa aPorto, un programa que persegue a aprendizaxe do portugués mediante actividades lúdicas e con metodoloxía práctica, botando man da ampla experiencia das ditas entidades no emprego das novas tecnoloxías. AGAL, sen ir máis lonxe, ten realizado diversos traballos de aprendizaxe telemática de portugués e mantén arestora na Rede unha wiki sobre a lingua irmá. Amais de todo isto, cómpre salientar o pulo dado dende AGAL a sitios como PGL, e-Estraviz e Imperdível.
Esta iniciativa inclúe unha serie de xornadas dunha semana de duración a celebrar na cidade de Porto nas segundas quincenas de xullo e agosto, onde as persoas participantes poderán poñer en práctica a súa expresión oral na lingua lusa, así como realizar distintas actividades culturais en torno a esta cultura que nos é tan familiar aos galegos e galegas.
As empresas asociadas ou vinculadas a EGANET poderán beneficiarse dunha tarifa reducida para realizar estes cursos de expresión oral en portugués, de maneira que o prezo para estas será de 160 € (IVE incluído), mentres que para o resto das persoas será de 210 €, excepto estudantes, desempregados e asociados a AGAL e Andaime, que tamén gozarán da tarifa reducida.
Do 16 ao 20 de xullo terá lugar a primeira destas xornadas prácticas, para as que aínda está aberto o prazo de inscrición.
EGANET colaborará na iniciativa aPorto para estreitar ligazóns entre o galego e o portugués
Compartir Este Artigo

