A firma tecnolóxica IESA, especializada no desenvolvemento de aplicacións informáticas para a administración en xeral, vén de estrear unha ferramenta que permite levar o control das comunidades de veciños no móbil, ideal para aquelas persoas que deben ter ao día as comunicacións e contas cos propietarios e inquilinos dun edificio ou zona residencial.
Máis polo miúdo, Genisedi, que así se fai chamar a aplicación, permite xestionar as incidencias ou sinistros sucedidos en calquera tipo de edificio (dende comunidades de propietarios a urbanizacións, hoteis ou mesmo concellos) no mesmo momento de recibir a chamada ou o aviso, e actuar con urxencia sen ter que agardar a estar na oficina.
O sistema recolle a información do despacho e trasládaa ao móbil, permitindo dispoñer dela de modo moi visual sempre que se precise. Desta maneira, mediante a relación de estatísticas detalladas de tódalas xestións administrativas e económicas levadas a cabo, facilita o labor do xestor ou xestora, aforrando tempo e custes e mellorando a súa eficacia.
Genisedi tamén permite compartir información en tempo real as 24 horas do día, e esta asistencia continua garante que se ofreza unha xestión máis competente da comunidade que se debe controlar.
Entre outras xestións, a ferramenta móbil permite levar a cabo operacións de mantemento ordinario, como labores de conservación e prevención; tamén facilita o control e o inventario dos distintos elementos que compoñen o equipamento dos edificios, locais e comunidades; mantén identificados os traballos a realizar e asignarllos ao persoal encargado de cada labor, como electricistas, fontaneiros, carpinteiros…; pode funcionar a modo de axenda, con avisos incluídos e, asemade, permite recibir incidencias dende o chamado Despacho 24 horas en ABCDario.com na Rede e o envío a esta plataforma da información que se considere oportuna.
Nace Genisedi, unha ferramenta para xestionar as comunidades de veciños dende o móbil
Compartir Este Artigo

