A galega R Cable, en colaboración co Centro Tecnolóxico Gradiant, vén de despregar na Coruña a rede Long Lerm Evolution (LTE), a versión en probas do proxecto de banda larga móbil 4G do consorcio WIMOVE, que integra esta e outras compañías galegas.
Así pois, nos últimos días leváronse a cabo na devandita cidade unha serie de probas sobre a rede piloto LTE, a tecnoloxía da nova xeración de comunicacións móbiles, que posibilitará mellorar os servizos achegados ata agora.
Estas probas permitiron, entre outras cousas, validar algúns dos desenvolvementos levados a cabo durante o transcurso do proxecto WIMOVE, a partir de diversas medidas despregadas nas rúas da Coruña.
O proxecto WIMOVE botou a andar en 2009 co apio do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) a través do Fondo Tecnolóxico, e foi un dos primeiros proxectos financiados en Galicia con estas axudas.
Segundo informan os seus responsables, a tecnoloxía LTE “está empezando a dar paso ao móbil do futuro”, indican, “cunha mellor experiencia de usuario da man de taxas de transmisión moito máis altas que as actuais”, engaden.
É aí onde a industria galega de telecomunicacións “pode xogar un papel moi relevante”, aseguran, “como demostran as achegas realizadas en WIMOVE no desenvolvemento de dispositivos para canalizar, medir e xestionar a información en redes de banda larga móbil”, din.
A implantación de LTE en España terá lugar da man das novas licenzas concedidas o ano pasado ás operadoras, aínda que “non será de forma inminente”, indican, “malia que a industria galega leva anos traballando tamén coa mirada posta no mercado exterior”, conclúen.
O proxecto de banda ancha móbil 4G de WIMOVE estréase en probas na Coruña
Compartir Este Artigo

