Microsoft realizou unha presentación esta tarde para dar a coñecer as novidades relativas aos seus produtos ofimáticos no novo contorno de software da compañía centrado en Windows 8, ou sexa, con soporte da interface Metro e dispositivos táctiles. O mestre de cerimonias do evento foi Steve Ballmer, quen non só comentou as bondades de Windows 8 e Windows Phone 8, senón que tamén asegurou que a súa compañía estaba a potenciar o uso de Office como un produto baseado na nube que xa podemos probar de balde a través dunha versión de de vista previa que se estrea hoxe e que responde ao nome de Office 365. O novo Office fai uso dunha interface rápida e fluída, con novos xeitos de interacción (permitindo o seu uso con teclado, stylus e pantalla táctil), almacenando documentos e configuracións na nube (integrándose en SkyDrive ou SharePoint), permitindo conectar con plataformas sociais como Facebook ou LinkedIn e incluso integrando Skype, o que facilitará a creación de xuntanzas en liña con videoconferencia en alta definición e presentacións compartidas. Un dos detalles a destacar do novo Office, que chegará oficialmente ao mercado a primeiros de 2013, é que funcionará unicamente baixo Windows 7 e 8, desbotando Windows XP e Vista, reforzando a idea de que son plataformas que cómpre deixar atrás (lembremos que por 39,99 dólares vai ser posible adquirir unha actualización a Windows 8, polo que non debería de ser unha actualización economicamente traumática). Aínda que funcione baixo Windows 7, o máis aconsellable para o novo Office sería correr baixo Windows 8, para poder tirar proveito de todas as súas funcións (e a versión Windows RT de Windows 8 xa incluirá de serie a versión doméstica de Office 2013 RT, deseñada para equipos con procesador ARM e entrada táctil como a versión básica de Microsoft Surface). Co novo Office será doado traballar en grupo a través da Rede, compartindo presentacións, documentos e videoconferencias en alta definiciónDentro do Office 2013 teremos un Word cun novo modo de lectura, funcións de uso compartido e incluso administración de contido PDF; o Excel gañará intelixencia con táboas dinámicas recomendadas e recheo rápido, contando tamén con novas opcións de visualización e compartición; o PowerPoint tamén evoluciona con múltiples opcións de deseño e control, permitindo tamén presentacións en rede con comentarios en liña; OneNote incorpora moitas novidades que permiten o seu uso en dispositivos móbiles (sen esquecer a iOS e Android), introducir texto manuscrito ou localizar información dun xeito impresionante (incluso localiza palabras en imaxes); e mesmo o Outlook mellora para facilitar a organización e a comunicación corporativa. Cómpre destacar que as aplicacións cliente do novo Office responden á numeración 2013, mentres que 365 é o nome que recibe o produto cando toma a forma de servizo, que estará dispoñible en distintas versións en función das aplicacións que inclúe e o número de licenzas, de xeito que teriamos dende a versión doméstica (que permite instalar unha única copia de Office en ata 5 ordenadores) ata versións corporativas para ata 10, 25 ou máis traballadores. Kirk Koenigsbauer amosou o funcionamento do novo Office nunha pantalla táctil de 82 polgadasBoa parte da presentación de hoxe correu a cargo de Kirk Koenigsbauer, vicepresidente de Microsoft, que demostrou o funcionamento do novo Office nun tablet con Windows 8 e incluso nunha pantalla de 82 polgadas de Perceptive Pixel (compañía adquirida por Microsoft nos pasados días) para amosar o potencial desta nova plataforma, que supón un importante salto para Microsoft, no que as pantallas táctiles e a Internet toman unha relevancia que sería difícil de crer hai uns poucos anos (se atendemos ás declaracións dos seus directivos que apuntaban a que as interfaces táctiles non eran axeitadas para labores de produtividade).