Os responsables da identidade corporativa de Yahoo! van ter que ir pensando en quitarlle o signo de exclamación ao nome da plataforma virtual se segue a rexistrar os descensos de beneficios que sufriu no último trimestre deste ano, cando pasou de embolsar 236,9 a gañar 226,6 millóns de dólares, o que supón 4,3 puntos porcentuais menos que no mesmo período do ano pasado.
A maiores, a cifra de negocio da compañía experimentou un retroceso do 1% no último período, pasando dos 1.229 millóns de dólares ata os 1.217 millóns, é dicir, uns 990 millóns de euros.
Sen embargo, nos seis primeiros meses do ano, Yahoo! obtivo un beneficio neto atribuído de 512,9 millóns de dólares, un 11,5% máis que os 459,9 millóns de dólares acadados no mesmo período do ano pasado; pero, pola contra, as vendas diminuíron un 0,2% no primeiro semestre do ano.
Tim Morse, o director financeiro de Yahoo! destacou que os resultados de beneficio por acción do segundo trimestre do ano “superaron as expectativas do consenso”, e lembrou que “nestes tres meses a compañía moveuse de forma agresiva con novos acordos estratéxicos con Alibaba e Facebook”.
Os responsables da compañía tamén anunciaron novas alianzas con empresas como CNBC, Clear Channer e Spotify, que propiciarán o aumento dos ingresos do portal.
Descenden os beneficios netos de Yahoo!
Compartir Este Artigo

