
Tratase dunha plataforma virtual que dá acubillo a todo tipo de actividades culturais e de lecer que se celebran na nosa xeografía, e que permite atopar de xeito doado iniciativas culturais e de entretemento coas que poder gozar do tempo libre en familia sen saírmos da nosa Comunidade.
As emprendedoras Sandra Blanco e Clara Seoane presentan a súa web “como un proxecto cargado de ilusión” que puxeron en marcha para facilitarlle o labor de procura de eventos de lecer aos usuarios, polo que a plataforma preséntase cunha interface sinxela e moi funcional, con contidos moi ordenados e clasificados por categorías.
Deste xeito, ademais de cine, espectáculos, música, museos ou teatro, a web dispón de pestanas de seu para consultar as excursións, talleres e campamentos que se celebren nalgún recuncho de Galicia, e conta, a maiores, cunha práctica axenda coa que facer procuras para unha data concreta sen perder tempo buscando os eventos un por un.
En palabras das súas creadoras, “trátase dunha web sinxela na que en poucos clics atopas o que buscas”, que vai dirixida a pais e nais interesados na procura de “alternativas de ocio para os seus pequenos e para gozar do tempo libre en familia”.
A páxina dispón, asemade, dun blog no que as autoras tratan temas de moda, alimentación, saúde, lectura, e manualidades, entre outros moitos temas do máis variado.
Lamariola.es: guía de ocio infantil en Galicia
Compartir Este Artigo

