Ata o vindeiro 21 de setembro, os empresarios e empresarias asentados no ámbito rural que desexen mellorar o rendemento dos seus negocios a partir da implantación das TIC, poderán beneficiarse das axudas que concede a Xunta para este fin, que nesta edición ascenden a 1.323.000 euros.
Estas subvencións están destinadas a empresas de menos de 10 empregados e persoal autónomo dos principais sectores de transformación e comercialización de produtos do rural, e concédense de xeito específico para equipamento tecnolóxico e instalación de hardware e software a medida das necesidades deste tipo de microempresas.
Xa que logo, os e as empresarias e autónomos que soliciten as axudas este ano poderán facerse con programas para o traballo en Rede, ferramentas de facturación, programas de contabilidade, aplicacións que facilitan o comercio electrónico… así como programas de deseño específico que facilitan o traballo diario na empresa e melloran o rendemento económico da mesma.
As empresas que desexen solicitar estas subvencións deberán ter o domicilio fiscal en zonas rurais de Galicia así como contrato de conexión a Internet, ou ben estar en disposición de dispor del antes da data límite de xustificación da subvención.
A porcentaxe da axuda será de ata o 50% do investimento subvencionable cun máximo de 30.000 euros por beneficiario.
Segundo informan dende o Executivo, esta medida, que por certo é posible grazas á sinatura dun convenio de colaboración entre a AMTEGA e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), “ten por obxecto fomentar a mellora da competitividade das empresas destas áreas”, “un aspecto fundamental”, din, “na innovación e o progreso do rural”.
As microempresas do rural teñen aberto o prazo de solicitude de axudas para implantar as TIC nos seus negocios
Compartir Este Artigo

