As imaxes de satélite incluídas en HERE Maps aínda non teñen moita calidadeHai só unha semana Nokia presentaba a plataforma de servizos de xeolocalización HERE, que apostaba pola multiplataforma, e que inicialmente estaba dispoñible en terminais de Nokia de xeito nativo e para outros fabricantes vía web, mentres preparaba as aplicacións para o resto de plataformas, e hoxe mesmo sorpréndennos estreando a aplicación universal para iOS HERE Maps, unha interesante alternativa aos patéticos Apple Maps, que aínda chega nunha versión moi verde, con interface só en inglés e prestacións bastante limitadas que para moitos abre a porta para que Google Maps volva os dispositivos móbiles de Apple en breve. HERE Maps conta con cálculo de rutasHERE Maps permite ver mapas en distintas vistas (mapa, tráfico en directo, transporte público e vista de satélite), deixa gardar en local zonas xeográficas para a súa consulta cando non teñamos acceso á Rede, permite a personalización de mapas por parte de usuarios, permite compartir localizacións a través de SMS, correo electrónico e redes sociais, conta coa posibilidade de organizar coleccións de lugares para a súa consulta posterior (ideal na programación de viaxes) e tamén calcula rutas. Tamén inclúe guía GPS por voz, pero polo momento limítase a percorridos a pé, as súas imaxes vía satélite aínda teñen pouca resolución para o noso territorio e algunhas das súas prestacións avanzadas (como as vistas 3D ou a pé de rúa) só están dispoñible a través da súa páxina web (consultada dende un ordenador). Aínda que esta ferramenta poida ter a súa utilidade, continúa a estar a medio camiño do que ofrecía para iOS a aplicación de Google Maps. De todos os xeitos temos que recoñecer que HERE Maps está na súa primeira versión, de xeito que nas vindeiras semanas chegará a máis plataformas móbiles e, unha vez establecida a súa base, podemos agardar unha importante evolución do servizo durante 2013, que é o ano no que Nokia comentou que ían a esforzarse na exploración masiva das rúas de numerosos países para achegar uns mapas de calidade e con prestacións claramente diferenciadas coas dos seus competidores.