Nokia presenta HERE, unha nova plataforma de servizos de xeolocalización multiplataforma
martes, 13 de novembro do 2012
Con aplicacións como Nokia Conducir para Windows Phone a
compañía finlandesa demostrou que tomaba moi en serio os mapas e os servizos de
localización (precisamente por iso mercaron NAVTEQ hai anos) e para avanzar neste
eido anuncian
hoxe HERE, servizo definido como “a
primeira nube de localización que achega unha plataforma de localización,
contido de localización e aplicacións de localización para calquera pantalla e
calquera sistema operativo”, que nace coa vocación de que os servizos de
localización deixen de estar centrados en aplicacións para abarcar unha
experiencia de usuario máis completa.

- A realidade aumentada pode aproveitarse para as buscas locais grazas á tecnoloxía de Nokia
Aínda que HERE é unha plataforma que se desenvolveu pensando principalmente na
familia de móbiles Nokia Lumia, non vai limitarse aos móbiles con Windows
Phone, e dende Nokia xa anuncian que están
a traballar para levar a aplicación HERE Maps á App Store (de xeito que os
usuarios do iPhone, orfos de Google Maps, poidan ter unha boa alternativa con
mapas e navegación GPS guiada por voz), HERE Maps API para Android, HERE Maps
para Firefox OS e unha páxina web dende a que poder
crear mapas personalizados que logo estean dispoñibles dende o móbil.
Amais, estes mapas fan uso da tecnoloxía LiveSight, que emprega mapas 3D de
alta precisión, o que serve para crear unha
experiencia de realidade aumentada sen igual a través da aplicación Nokia City
Lens para os móbiles Nokia Lumia, que serán os primeiros en tirar proveito
de LiveSight.
A combinación de realidade aumentada e 3D consegue unha experiencia única con LiveSight

- Nokia adoptou earthmine como unha alternativa ao Street View de Google
Para ofrecer unha experiencia de uso aínda mellor, e marcar a diferencia fronte
a outros competidores, Nokia
fíxose con earthmine, compañía especializada na captación de imaxes
tridimensionais a pé de rúa, o que podería considerarse como unha
alternativa ao Google Street View (pero que non se limita a imaxes de 360
graos, senón que combina esas imaxes con información 3D semellante á que a Xbox
360 capta co sensor Kinect) que durante o ano que vén agarda chegar a un total
de 31 países.
En definitiva, que Nokia parece querer aproveitar a desfeita de Apple Maps para
destacar coa súa solución de mapas, que busca ser multiplataforma, o que pode
resultar de grande interese tanto para os usuarios como para as compañías que
queiran estar presentes nesta nova canle que pretende seguir evolucionando nos
vindeiros anos ata chegar a uns niveis que se adapten cada vez máis ás demandas
reais dos usuarios no que á localización se refire.

- HERE estará dispoñible como aplicación para iOS
HERE Maps API achegará as novas posibilidades de localización a Android
