A plataforma GalegoLab enfiou a recta final de 2012 cun novo e interesante proxecto de creación audiovisual colectiva. A proposta, que xa comezou a coller corpo, vén da man da Asociación Alba de Groria e consiste na realización dun documental sobre como se vive, lingüisticamente falando, sendo emigrante e sendo, a maiores, galega ou galego. A idea básica é contribuír, con este traballo de investigación e creación audiovisual, ao coñecemento da nosa terra a través dos que marcharon dela, máis polo miúdo os que marcharon sen marchar de todo. É dicir, os que fican conectados e comunicados co país a través de ferramentas 2.0, redes sociais, etc. Trátase dunha cidadanía informada, conectada, crítica, á que cómpre achegarse para descubrir os seus problemas e as súas realidades, contan dende Alba de Groria.
Neste intre, segundo se pode ver na web GalegoLab, o proxecto xa está en marcha, logo de que se tiveran reunido, grazas en parte a esta plataforma, recursos técnicos e humanos (colaboradoras/es á procura de entrevistadas/os, técnicas/os en edición gráfica e realización, especialistas en comunicación 2.0, voces en off, etc) para facer realidade o documental.
Segundo nos conta, os obxectivos deste documental serían, punto por punto, os seguintes: coñecer máis sobre a realidade da lingua galega no exterior, coñecer o contexto social e económico da nova diáspora galega, coñecer as inquietudes en relación co país e o retorno da diáspora e difundir unha visión da nosa diáspora que supere os tópicos. O documental terá licenza Creative Commons e, cando sexa rematado, será difundido polas redes sociais e presentado en diferentes lugares do mundo baixo a coordinación de Alba de Groria.
Novos azos para o documental sobre a emigración galega 2.0
Compartir Este Artigo
