A xoia máis recente do noso audiovisual, O Apóstolo, tan nosa que mesmo chegou a estrearse en España co seu título orixinal en galego (creando con isto tristes respostas por parte de certa parte do público estatal, que non entendía, aínda non sabemos a razón, o porqué do título en galego), está xa entre os finalistas da categoría de mellor longametraxe de animación da nova edición dos Premios Goya (rivalizando con Tadeo Jones, El corazón del roble e The wish fish). Tendo en conta a calidade do filme, recoñecida polos espectadores e certificada nas comunidades en liña Filmaffinity (onde acada unha nota de notable a través da media das votacións dos seareiros) e Imdb.es, O Apóstolo achégase á gala de entrega dos premios (a celebrar o 17 de febreiro con Centro de Congresos Príncipe Felipe, con Eva Hache de presentadora) con serias posibilidades de gañar. Agardamos que así sexa e se faga xustiza logo de certos incumprimentos de contrato que prexudicaron, e moito, ao filme galego.
Lembremos que se trata da primeira película europea de animación stop motion desenvolvida en 3D estereoscópico. Ademais, para a súa materialización botouse man da metodoloxía do crowdfounding, que consiste en recadar financiamento a través do proceso de converter aos internautas en pequenos produtores-investidores dun produto. A longametraxe vén da man da produtora galega Artefacto Producións e foi dirixida polo compostelán Gonzalo Cortizo. O protagonista, un preso fuxido do cárcere, verase ensarillado en estraños e inquietantes sucesos ao intentar recuperar un botín que fora escondido anos atrás nunha apartada aldea do Camiño de Santiago. “Anciáns sinistros, estrañas desaparicións, un peculiar sacerdote e ata o arcipreste de Compostela conflúen nunha trama chea de intrigas”, infórmase.
A longametraxe é innovadora en canto ao desenvolvemento do mesmo e tamén no que se reifre ao seu sistema de rodaxe. Usouse unha metodoloxía nunca antes empregada, a animación stop-motion en 3D mesturada coa participación directa dos actores que reais que dan vida aos personaxes virtuais nos que se inspiran. Así, os actores protagonistas da versión española –Jorge Sanz, Geraldine Chaplin, Paul Naschy, Carlos Blanco, Xosé Manuel Olveira Pico, Luis Tosar, Manuel Manquiña, Celso Bugallo, Isabel Blanco e Pedro Alonso, entre outros– non lles cederon soamente a súa voz aos monecos que dan vida aos personaxes, senón que eles mesmos interpretaron previamente todas as escenas, de xeito que os seus xestos e expresións reais lles serviron de inspiración aos animadores.
O Apóstolo, finalista nos Goya na categoría de mellor filme de animación
Compartir Este Artigo
