Tras a filtración das que poderían ser as especificacións da sucesora da Xbox 360, dende Kotaku achegan agora as que poderían ser as características técnicas da futura PlayStation 4 (actualmente coñecida como proxecto Orbis) que aparecen nunha serie de documentación oficial, aínda que ata a presentación da PS4 tal información debería considerarse como non confirmada, especialmente porque é susceptible de mudar nos vindeiros meses.
Ao parecer, a futura PlayStation 4 funcionaría con catro procesadores AMD64 de dobre núcleo (ou sexa, que tería 8 núcleos como a posible Xbox 720), 8 Gb de RAM, 2,2 Gb de memoria de vídeo, 4 portos USB 3.0, 2 portos Ethernet, unidade Blu-ray, disco duro de 160 Gb, HDMI e saídas de audio óptica, 2.0, 5.1 e 7.1, ou sexa, que sería moi semellante á máquina de Microsoft (aínda que algúns comentarios por parte de desenvolvedores indicarían que a consola de Sony sería máis potente). Pero o detalle que podería resultar máis innovador da nova consola sería que renovaría o seu mando, que dende a primeira PlayStation conservaba certas liñas de deseño que parecen ter quedado obsoletas, e incluso hai fontes que apuntan que poderían intentar achegarse á interface de uso da PS Vita, incorporándose sensores táctiles, sensores de movemento e incluso tecnoloxía biométrica (da que pouco se sabe polo momento, pero que podería ser unha revolución).
O sistema de contas de usuario tamén podería mudar considerablemente, de xeito que ao engadir un mando de control podería identificarse ao novo usuario, de xeito que non habería unha vinculación usuario-máquina, senón usuario-mando, permitindo que nas partidas en grupo cada usuario poida recibir trofeos e rexistrar as súas puntuacións en liña.
Filtran as especificacións técnicas da sucesora da PlayStation 3
Compartir Este Artigo
