
Dende hoxe está dispoñible en liña a maqueta virtual interactiva do Laboratorio de Imaxinación Utópica, un proxecto de ciencia cidadá e historia aplicada que se desenvolveu ao abeiro das axudas para a investigación posdoutoral Xan de Forcados, impulsadas polo Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) do que forma parte a USC.
As persoas que visiten a maqueta poderán viaxar por unha paisaxe interactiva vertebrada a partir de catro eixes temáticos: comunidade, hábitat, enerxía e alimentación. Estes, segundo sinalan dende o Laboratorio, “mostran distintas posibilidades para unha Galicia desexable”, con elementos como unha vivenda accesible deseñada sobre o equilibrio entre o colectivo e o individual, a existencia de distribuidoras locais de enerxía renovable, a aposta polos comedores comunitarios, a atención aos coidados ou o artellamento dun modelo eficiente de transporte.
“A través desta representación virtual, pretendemos ofrecer unha ferramenta aberta ao conxunto da sociedade que facilite a discusión colectiva arredor do futuro do territorio, e que mesmo poida inspirar a organizacións e comunidades locais para a súa aplicación”, sinalan.
O proxecto está promovido por un equipo interdisciplinario integrado por persoal investigador USC e da Universidade de Vigo: Luis Toledo Machado (USC, coordinador), Almudena Fiunte Blanco (UVigo), David Fontán Bestilleiro (USC), Antonio Giráldez Blanco (USC) e Noortje Keurhorst (UVigo.
O Laboratorio contou coa participación de preto de 20 representantes de distintas entidades con experiencia na xestión e na investigación arredor do territorio (comunidades de montes, comunidades enerxéticas, grupos de vivenda, asociacións locais…).
Segundo sinalan, este proceso de co-creación deu lugar a un obradoiro no cal, a partir da reflexión sobre a historia das utopías, puxéronse en común os desafíos e arelas do presente. Finalmente, a discusión colectiva derivou na realización da maqueta virtual, así como dun fanzine artístico na web. A maiores, a partir da análise do proceso e dos resultados, o equipo investigador está a preparar un documento resumo de políticas que poderá ser utilizado polas distintas administracións.
