A multinacional IBM deu a coñecer este martes 29 os detalles do seu vindeiro cerebro tecnolóxico na Península: un centro específico sobre computación na nube, de vindeira apertura, emprazado en Cerdanyola del Vallés, Barcelona. A súa finalidade será dar servizo aos clientes de IBM a nivel mundial (o primeiro dos cales, a Generalitat de Cataluña), sendo a previsión que estea operativo a mediados de 2013. O Goberno catalán comezará a darlle uso para afianzar no seu seo un dos seus catro centros de proceso de datos, máis polo miúdo o vinculado á saúde.
Cómpre sinalar que non se trata do primeiro centro cloud de IBM no mundo, pero si no ámbito peninsular. Con todo, o de Barcelona é sen dúbida un dos máis ambiciosos. Isto rastréxase xa na opción de emprazamento: non é casual que se escollera Cerdanyola del Vallés como centro de operacións, sendo como é un dos máis importantes centros financeiros do Estado. De feito, sinala IBM, xa se conta cunha importante carteira de vindeiros clientes.
Volvendo á aposta da Generalitat por este centro cloud, dicir que unha das grandes vantaxes que se persegue é precisamente o aforro de custes a través da externalización do servizo. É dicir, delegando en IBM o que doutro xeito implicaría unha cifra alta de máis de investimentos. O contrato con IBM asinado no cuarto trimestre de 2012 rolda os 140 millóns de euros para os próximos 10 anos. Segundo informa Marta Martínez, presidenta de IBM España, “as empresas e administracións públicas atópanse ante a imperiosa necesidade de facer máis con menos; e de facelo de maneira áxil; este novo centro cloud fará posible que se cumpran todos eses requirimentos: ofrecerá ás empresas a axilidade necesaria para competir de modo eficiente nun mundo global e posibilitará que as administracións e organismos públicos poidan ofrecer servizos de calidade aos cidadáns facendo un uso racional dos recursos”, explica.
IBM anuncia que achegará servizos mundiais na nube dentro o seu novo cerebro na Península
Compartir Este Artigo
