
A xornada xirou arredor das características desta segunda edición do programa FEDER-Innterconecta, co obxectivo de axudar ás empresas a resolver as dúbidas que poidan ter ao respecto. Ao fío disto, ofreceuse a posibilidade de realizar entrevistas bilaterais cos técnicos de CDTI para revisar ideas ou propostas de proxectos. Xa nun plano máis concreto, na sesión cos emprendedores e empresarios fíxose fincapé na potencialidade destes fondos para os seus proxectos de innovación, proxectos que deben contar cun orzamento mínimo de 1,5 millóns de euros, cunha duración que non debe superar os dous anos naturais, coa participación de tres empresas independentes (como mínimo) e de, polo menos, un centro de investigación. Sergio Lourenso, técnico do Departamento de Enerxía e Sociedade Dixital do CDTI, fixo un percorrido polos froitos acadados a través das convocatorias pasadas dos fondos FEDER (case un centenar de proxectos galegos co-financiados por medio do primeiro e no segundo FEDER, entre 1994 e 2006) e polos froitos que se agardan recoller nesta segunda entrega. Tamén detallou o obxectivo desta (fomentar a colaboración estable público-privada en Investigación e Desenvolvemento e en áreas de importancia estratéxica para o impulso da economía en xeral e a galega particular) e os tipos de proxectos aos que se dirixe: como norma xeral, grandes proxectos integrados de desenvolvemento experimental de carácter estratéxico e con potencial de avance tecnolóxico e industrial relevante para a nosa terra.
Polo que atinxe ás áreas prioritarias, sinalou que serán eidos temáticos que teñan un elevado nivel tecnolóxico e que fornezan dun gran valor engadido aos participantes e estimulen a creación de emprego cualificado. Por sectores, serían os seguintes: agroalimentación e recursos mariños, tecnoloxías biosanitarias, TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), tecnoloxías da produción, materiais e nanotecnoloxías; enerxía, construción, medio ambiente e transporte sustentable.
Segundo fixeron saber os profesionais do CDTI, estaríamos a falar dunha convocatoria, a segunda dos fondos Innterconecta, que pon ao alcance das nosas empresas un total de 75 millóns de euros en subvencións, sendo os gastos subvencionables os que citamos a continuación:
· Amortización de activos (Equipos, Investigación Industrial, Licenzas)
· Persoal adicado ao proxecto
· Materiais
· Subcontratación organismos de investigación
· Outras colaboracións externas
· Custes xestión
· Outros gastos (auditoría) 
Os técnicos do CDTI amosan o potencial de desenvolvemento galego da segunda convocatoria de Innterconecta
Compartir Este Artigo

