
O xurado, nomeado polas Redes Escarlata, estivo composto por Xosé A. Laxe, Antón Dobao, Francisco Fernández Rei, Lourdes Pérez, Luz Fandiño, Xosé Luis Santos Cabanas e María Martínez Clavell con Xosé Luis Méndez Ferrín como secretario. Por unanimidade, decidiron conceder a devandita distinción ao caderno De volta para Loureda, en boa media pola súa importante achega ao debate colectivo “sobre os presos nacionalistas galegos cuxa situación é contraria ás garantías ás que todos”as os/as Humanos/as teñen dereito”, segundo se fixo saber na acta. Como lembraremos, o blog en cuestión reflicte as vivencias na cadea e o pensamento de Carlos Calvo (arestora preso no Centro Penitenciario de Topas, en Salamanca) sobre diversas cuestións de actualidade social, política e económica galega, facendo especial fincapé na problemática da criminalización do independentismo, confrontando estas achegas de seu coas contribucións alleas ao blog, todas elas coincidindo na necesidade de achegar os presos políticos galegos á súa terra de orixe, entre outras peticións de xustiza.
O blog De volta para Loureda, recoñecido co Premio Vidal Bolaño
Compartir Este Artigo
