
No punto de mira de Privit está un bo número de redes de uso común, como Facebook. Segundo reflicte EGANET dende a súa web, esta e outras comunidades están a pór a disposición dos seus seareiros todo tipo de recursos que fan posible a comunicación de balde, entre outras vantaxes, recursos que logo non se corresponden coa realidade ofrecida e teñen máis letra pequena do que asemella nun comezo. O que acontece en realidade é que adoitan apropiarse da información dos seus usuarios. Os creadores de Privit están a advertir disto e engaden que “ninguén sabe ata que punto os seus datos son vendidos a empresas, cedidos a institucións gobernamentais ou aproveitados para facer publicidade personalizada”. Ao xuízo de Chaves e Ray, Privit porá remate á devandita indefinición, posibilitando manter conversas “realmente privadas a través do móbil”. A campaña integra varias cuñas publicitarias que nos poñen sobre aviso sobre as cousas que facemos incorrectamente na Internet, confrontándoas co que pasaría se iso mesmo o fixéramos na vida real. Os contidos estarán na páxina de crowdfunding Indiegogo.com, na que se pode botar unha man con achegas miúdas de financiamento que entre outras cousas permitirán aos co-financiadores seren os primeiros en recibir a aplicación cando estea rematada.
Privit: ferramenta de raizame galega para asegurar a privacidade das conversas co móbil
Compartir Este Artigo
