Finalmente xa hai gañador do certame convocado hai dez días na rede social Twitter pola Editorial Galaxia e co obxectivo de conmemorar os 150 anos de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. O concurso, que tamén se puxo en marcha para celebrar a festividade do Día das Letras Galegas (de feito, coincidiu coa preparación do mesma por parte de múltiples entidades culturais da nosa terra), consistiu en animar ás/aos seareiras/os da dita comunidade 2.0 a explicar o porqué da importancia de Rosalía para elas e eles, para as súas vidas e para a nosa cultura.
Logo de recibir arredor de duascentas propostas e de valoralas todas en detalle, o xurado decidiuse polo chío de Paulo Calvo, que di o seguinte: #rosaliasempreporque miña bisavoa levaba Cantares Gallegos cando ía ó monte coas vacas.
“Se Rosalía no seu tempo”, sinala Galaxia ao respecto desta achega e das razóns para tela premiado, “destacou como poeta popular, e o pobo galego, era quen de aprender os seus poemas de memoria, este chío volve lembrarnos ese carácter de poeta nacional que a autora conseguiu dende o momento inicial da publicación dese libro fundacional”. O premiado recibirá nos días vindeiros un lote de libros de Rosalía de Castro, sobre Rosalía de Castro, así como sobre o seu home, Manuel Murguía.
Xa hai gañador no certame lanzando en Twitter para celebrar os 150 anos de Cantares Gallegos
Compartir Este Artigo
