
Como dixemos, detrás de Saturno atópase Hispasat, pero tamén unha serie de empresas e centros de investigación de primeira liña achegando a súa experiencia en materia de telecomunicacións, como o centro galego Gradiant, cuxas principais liñas de traballo ao longo dos seus (xa) cinco anos de vida céntranse sobre todo nas comunicacións dixitais, redes, aplicacións e información multimodal. Amais de Gradiant, tamén participa no proxecto outro axente galego, concretamente a empresa Blusens, radicada en Santiago de Compostela e especializada no desenvolvemento e distribución de todo tipo de aparellos e servizos de lecer tecnolóxico. Volvendo a Saturno e as súas principais características, dicir que a súa función é, en palabras de Hispasat, descargar o contido do satélite, convertelo e distribuílo a tódolos dispositivos compatibles dunha casa. A tecnoloxía bota man do que xa hai no fogar, como os accesos Wi-Fi ou por cable. O servizo, “simple e de baixo custe”, pon en xogo un único receptor que é o que se encarga de descargar o contido do satélite. “A diferenza con outros sistemas”, explican os responsables deste desenvolvemento, “é que non é preciso enchufar o receptor a ningunha televisión para compartir e ver contidos; ademais, en cada computador, móbil ou teléfono intelixente dispoñible, poderanse ver contidos diferentes de xeito simultáneo”. Amais de Hispasat, Blusens e Gradiant, tamén participaron no proxecto (posto en marcha en 2010) Broadcom, Lecisa, Ikusi e Promax.
Gradiant achegou a súa experiencia no desenvolvemento do receptor intelixente de Hispasat
Compartir Este Artigo
