
Dende aquela e ao longo dun bo número de anos, o devandito equipamento de Fujitsu forneceu de servizos de cálculo avanzado á Xunta de Galicia, á comunidade investigadora do tres universidades galegas -Santiago, A Coruña e Vigo- e á do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). En conmemoración da efeméride, a división española da multinacional xaponesa organizou este xoves unha xornada tecnolóxica. No acto participaron moitas das persoas que entón promoveron, organizaron, puxeron en marcha e utilizaron nos seus traballos o Centro de Supercomputación de Galicia. O acto deste xoves comezou ás 12.00 coa benvida do director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela. A continuación o director de CESGA, Javier García Tobío, explicou a evolución do Centro e lembrou as actividades aos protagonistas dos primeiros anos, protagonistas que, tal e como foi quedando claro ao longo do acto (moi distendido e con intres certamente emotivos), foron e son tamén amigos. García Tobío desenvolveu a súa intervención amosando datos antigos (os 2.500 millóns de operacións por segundo do equipo de Fujitsu, as dúas ducias de aplicacións científicas coas que se contaba en 1993, os 6 investigadores que traballaban daquela no CESGA, os 89 usuarios en 1993) e contrapoñéndoos aos presentes (113 aplicacións, 41 traballadores, 560 usuarios), rematando cun itinerario visual, en imaxes e vídeos, das orixes do CESGA (mesmo cando nin sequera era un edificio rematado). O director do Centro tamén amosou os logros de proxectos tan importantes como a Aula CESGA (máis de 35.000 usuarios), as achegas para a predición do tempo (MeteoGalicia) ou a constitución de IberGrid (no que o Centro compostelán desenvolve labores de monitorización e contabilidade). Tamén fixo mención das contribucións para o afianzamento na nosa terra do comercio electrónico (a través do Centro de Competencias en Comercio Electrónico), do software libre (Mancomún) ou da innovación empresarial (Vindeira).
No acto estiveron presentes moitos dos artífices e responsables da creación e posta en marcha do CESGA, amais de representantes de institucións e entidades relacionadas coa súa actividade como por exemplo Fernando Suárez (presidente do CPEIG), Mar Pereira (directora de AMTEGA) ou Juan Casares Long (reitor da Universidade de Santiago). Tamén se contou coa presenza do director do espazo de radio EfervesCiencia e xornalista da Radio Galega, Manuel Vicente, que ofreceu un percorrido complementario polos fitos da creación do CESGA, contando para isto coa axuda das persoas que o fixeron posible. Para rematar, o director de Desenvolvemento de Negocio de Fujitsu España, Adriano Galano, explicou a achega de Fujitsu á sociedade mediante a incorporación de tecnoloxías innovadoras.
Fujitsu e o CESGA celebraron en Santiago dúas décadas de supercomputación galega
Compartir Este Artigo
