A plataforma de activistas en liña Avaaz.org vén de pór en marcha unha campaña para loitar contra a desigualdade, a fame e a pobreza no mundo. A iniciativa, a diferenza de outras semellantes lanzadas previamente, diríxese a rematar cos desequilibrios económicos entre uns países e outros polo vieiro alternativo de non pedirllo á cidadanía en xeral, senón ás grandes multinacionais que non pagan os seus impostos e aos gobernos que as protexen. Dáse a circunstancia de que á cabeza das grandes compañías que máis cartos escamotean ás súas respectivas administracións de facenda están compañías TIC, con Apple á cabeza e seguida de outras como Google ou Amazon.
Segundo Avaaz, se estas firmas se preocupasen menos de evadir impostos e buscar paraísos fiscais, cubriríase un buraco dun billón de dólares que os gobernos poderían usar para rematar coa pobreza, duplicar os investimentos en enerxías limpas e escolarizar a cada neno do planeta. A campaña de Avaaz.org diríxese a recoller sinaturas para forzar aos países que como Estados Unidos ou Canadá a obrigar ás súas compañías a facer o que deben, como calquera: pagar impostos. “Un billón de dólares é máis do que supón o gasto total mundial en armamento, e é máis grande que os orzamentos de 176 países; repartido equitativamente, estariamos a falar duns 1.000 dólares por cada familia do planeta”, informa a plataforma, que tamén recorda que, aínda que pareza imposible de crer, a devandita contía é o monto que anualmente evaden as compañías máis grandes do mundo en impostos.
Para Avaaz.org, non debería existir dúbida ao respecto, e máis nuns tempos de dor colectiva e recesión como os que estamos a vivir, de recortes e endebedamento. A solución para a plataforma? Que empresas como Apple, entre outras moitas, paguen o que deben. Por certo que a multinacional TIC, unha das que move máis diñeiro no planeta, “pagou basicamente cero impostos malia ter obtido 78 miles de millóns de dólares como beneficio”, informan os activistas en liña, que tamén fan fincapé nos métodos para facelo: escudándose en compañías ficticias en paraísos fiscais e desviando os seus beneficios ao estranxeiro, un tipo de evasión fiscal global que concede ás corporacións internacionais claras vantaxes sobre as pequenas compañías domésticas.
Para Avaaz.org, unha masiva campaña cidadá axudará a illar a Obama e Harper, presidentes de EE UU e Canadá (os países máis reticentes a obrigar ás empresas a deixar de escamotear diñeiro) e forzarlles a render contas, “nun momento no que poderían ceder á tentación de aliñarse cos corruptos e bloquear este xigantesco avance para o planeta”.
Avaaz.org lanza campaña para frear a evasión de impostos de multinacionais como Apple ou Google
Compartir Este Artigo
