
-Ainda queda algo de tempo para a Noite da Enxeñaría en Informática que organiza cada ano o CPEIG, pero se cadra nos podes ir avanzando algunhas novidades…..
-Se ben é certo que aínda queda tempo para a Noite, que celebraremos o día 4 de outubro, xa estamos a traballar arreo para que todo saia o mellor posible. Este ano reunirémonos no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago, nunha contorna monumental que conta con amplos espazos para a celebración e que permitirá unha maior relación se cabe, entre todos os participantes. Como todos os anos, haberá distintos premios e recoñecementos, dos que podo adiantar a concesión do premio Ada Byron a Susana Ladra, pola súa aínda breve aínda que espectacular traxectoria e que debe servir como referente para que moitas nenas se animen a cursar estudos de Enxeñaría en Informática e rematar coa fenda de xénero que afecta ás profesións tecnolóxicas. Ademais deste premio, entregaremos outros como o de Proxecto Fin de Carreira, aberto xa ás candidaturas dos recentes titulados e que conta cunha dotación de 1.000€ para o gañador, ou os galardóns Iniciativa Empresarial, Iniciativa Emprendedora, Iniciativa da Administración ou Traxectoria Profesional. Estamos moi ilusionados pois celebramos xa a quinta edición do evento, polo que podemos dicir que xa é un evento consolidado. Agardamos estar preto dos 250 asistentes, entre colexiados, empresas, representantes das administracións públicas e premiados.

-Pois polo de agora seguimos no mesmo punto: as profesións de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática non aparecen no listado de enxeñarías que recolle o borrador, e polo tanto, dese tratamento que se dará ás enxeñarías en global no marco da prestación dos servizos profesionais. Isto supón unha discriminación a dúas profesións chave no futuro tecnolóxico, social e económico do noso país. Como ben dis, aínda estamos a falar dun borrador, co que non é algo definitivo, pero nos continuamos a tentar concienciar a todas as instancias (políticas, gobernamentais, administrativas, etc.) de que esta exclusión é un risco para o desenvolvemento e o futuro de España. Preocúpanos non só os efectos inmediatos desta posible exclusión, senón as implicacións futuras que poida ter cando se aborden asuntos fundamentais como os relacionados coa ciberseguridade, a protección de infraestruturas críticas, etc, xa que todo apunta a que os profesionais con maiores coñecementos neses eidos ficarían excluídos dos grupos de traballo que se constitúan para tales fins.
-Seguides adiante, firmemente comprometidos, coa vosa liña de actividade arredor das novas tecnoloxías e o seu uso entre os menores de idade. Froito disto é o programa Navega con Rumbo e as diferentes sesións de divulgación que organizades de continuo ao seu abeiro. A que responde esta preocupación por protexer ao menores dun mal uso das redes? A que sodes informáticos e sabedes os malos usos que lles poden dar a estas ferramentas ou a que moitos de vós sodes nais e pais e, polo tanto, estades interesados en dar aos cativos unha Internet o máis saudable e xusta posible? Seguiredes adiante con esta liña de actividade? Que nos tendes preparado?
-Cremos que como colectivo temos a responsabilidade de formar e concienciar do uso responsable da tecnoloxía non só aos menores, senón tamén aos responsables da súa educación. Moitas veces estamos a falar de nativos dixitais e a nosa preocupación é que os nenos non se convertan en orfos dixitais, perdendo o referente dos país e titores no que atinxe á formación no contexto tecnolóxico. Internet e as redes sociais forman parte do mundo dos nosos menores e son ferramentas fundamentais para a súa educación e formación integral, ademais de que serán elementos relevantes no seu futuro persoal e profesional, e por isto é importante que aprendan a empregalos canto antes e coa maior responsabilidade e seguridade posibles.
A Consellería de Educación e a AMTEGA comprenden e comparten esta preocupación e por este motivo o programa está a ser un éxito, estando a día de hoxe na súa terceira edición. Nestes anos, chegamos xa a uns 400 centros educativos e formado a máis de 40.000 nenos e nenas nos riscos, pero sobre todo nos beneficios que ofrece Internet e os recursos que pon ao noso dispor.
Pero tamén estamos preocupados por outros colectivos de idades no tocante á seguridade en Internet. É por isto que participamos activamente en conmemoracións como o Día de Protección de Datos, editando e difundindo manuais e recomendacións para garantir un uso correcto, seguro e produtivo da informática.
-Estades a colaborar coa Escola Galega de Administración Pública en materia de divulgación e impulso da Administración Electrónica. En que consiste exactamente esta colaboración?
-Efectivamente, estamos a traballar coa EGAP no desenvolvemento do Curso Superior de Administración Electrónica, xa na súa terceira edición. Este curso pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración Electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas entidades públicas da nosa comunidade. Os contidos do programa enfocarán desde distintas perspectivas a Administración Electrónica para que os/as destinatarios/as adquiran ou perfeccionen os coñecementos teóricos e prácticos da informática e do dereito completando a súa formación no dereito da informática.
O curso ten unha duración de 114 horas, cun alto compoñente práctico. Aproveitamos tamén a plataforma de teleformación coa que conta a Escola para facilitar parte dos contidos, de xeito que o seguimento por parte dos alumnos pódese facer a distancia.
Ademais, hai tres conferencias plenarias con carácter aberto, que vanse desenvolver a razón de unha por cada un dos módulos nos que se estrutura o curso. Estas conferencias están a ser impartidas por profesionais de contrastada traxectoria nacional e internacional, como Pablo García Mexía, Rafael Millán Calenti ou Francisco García Morán
A Administración Electrónica é para nos un dos eixes nos que fundamentar a difusión e formación no eido das tecnoloxías da información, xa que non só supón unha revolución no xeito de entender as relacións coas Administracións Públicas, senón tamén unha oportunidade para a modernización de toda a sociedade a través da concienciación do beneficio que supón a informática a todos os niveis da nosa vida.
-E da vosa colaboración con AMTEGA para formar unha Rede de Asesores Tecnolóxicos, que nos podedes dicir? Cal será o cometido destes asesores? En que se van beneficiar as nosas empresas en xeral de contar con este novo equipo de traballo?
-No contexto de crise actual no que se atopa mergullada a economía nacional e internacional, é clave apoiar e impulsar a produtividade do tecido empresarial, fomentando o fortalecemento das empresas e economías locais. As TIC, xunto a I+D+i, son eidos do coñecemento chamados a ser peza fundamental da recuperación da competitividade das nosas empresas, e impulsar a transformación da sociedade cara o que se ven a denominar Sociedade do Coñecemento.
O obxectivo xeral do proxecto proposto é fortalecer o territorio e favorecer o medre económico a través da xeneralización do uso das novas tecnoloxías, e o desenvolvemento da Sociedade da Información na comunidade, co fin de contribuír ao pulo económico e social impulsando o uso e implantación das TIC no tecido empresarial produtivo, como un dos piares máis importantes para lograr que as empresas sexan máis competitivas e melloren a súa produtividade, no convencemento de que unas empresas fortes son fundamentais para contar cunha economía forte na comunidade, condición indispensable para mellorar o benestar da cidadanía.
Para lograr ese impulso de implantación das TIC nas empresas da comunidade, propóñense dous grandes obxectivos específicos a considerar:
- Axudar ás empresas a definir as súas necesidades, en función do seu modelo de negocio e no marco das TIC, asesorándoas sobre as solucións máis axeitadas para cada caso, primando as solucións software libre polas vantaxes xerais e eficiencia nos investimentos TIC que adoitan incorporar.
- Asesorar ás empresas participantes no programa no proceso de adopción de solucións TIC, preferentemente software libre, para a mellora e eficiencia das mesmas.
Estas tarefas serán complementadas, de xeito transversal, con procesos de formación para as empresas na cultura da I+D+i, que permitan introducir e institucionalizar nestas procesos de innovación continua que potencien as áreas produtivas, preparando e transformando ás firmas para afrontar o mercado global do presente e do futuro. Así mesmo, orientarase o plan cara aos sectores produtivos con potencialidade de crecemento, e aos tradicionais con capacidade de innovación e internacionalización.
A incorporación das novas tecnoloxías e a cultura da innovación ao contexto diario das empresas traerá consigo unha intenso estímulo e dinamización da actividade económica, que fomentará a aparición de novas oportunidades de negocio e iniciativas de emprendemento, así como contribuirá a xerar as condicións axeitadas para atraer o investimento dende fora da nosa terra. De xeito adicional, as TIC son un vehículo de establecemento de pontes entre persoas e organizacións públicas e privadas, derrubando as barreiras físicas e orográficas características da Comunidade e achegando servizos e produtos a calquera cidadán ou empresa con independencia do lugar físico onde se atope, son en definitiva un elemento fortalecedor da economía que a prepara para os desafíos da economía globalizada.
Con estes obxectivos en mente, a creación dunha Rede de Asesores Tecnolóxicos (RAT) permitirá un asesoramento tecnolóxico por profesionais con capacidades competencias acreditadas, para todas aquelas pequenas empresas, autónomos e emprendedores que queiran afrontar unha modernización tecnolóxica do seu negocio, permitindo con isto aumentar a eficiencia e produtividade, sendo en definitiva máis competitivos.
A iniciativa contará cunha serie de eventos presenciais en distintas cidades ao longo da xeografía galega, a xeito de pulo e difusión da mesma, formación, así como a creación da propia Rede, que fornecerá asesoramento en liña continuado e permanente á demanda existente. Froito destas xornadas, confeccionarase unha listaxe de empresas interesadas en participar no programa de diagnóstico, formación e asesoramento personalizado no marco das TIC.
Será, por tanto unha das tarefas a abordar, facer unha radiografía ou análise das organizacións obxectivo para estudar os procesos de cada unha e planificar e recomendar a implantación de ferramentas TIC. Unha vez realizado o estudo das necesidades e a situación de negocio dunha empresa, é fundamental orientar as ferramentas TIC concretas a implantar ao tamaño, obxectivos estratéxicos e medios económicos e materiais da empresa da que se está a falar. Como produto do análise de cada empresa, realizarase un informe detallado de recomendacións organizativas e TIC que se lles entregará ao remate do mesmo. O obxectivo deste informe é definir as correccións dos aspectos organizativos que impacten nos proxectos de integración TIC, e dirixir a entidade cara o modelo máis axeitado de integración para o seu tamaño de empresa. O informe de recomendacións TIC elabórase a través dunha visita ás instalacións de cada empresa e a través da análise detallada dos procesos de negocio e ferramentas TIC que lles dan soporte. O estudo reflectirá as necesidades máis importantes detectadas así como a priorización en implantación de ferramentas TIC que desexa a empresa acometer. Recolleranse tamén descricións de tipo organizativo dos procesos, xa que é fundamental que os procesos estean definidos de maneira axeitada para que a implantación das ferramentas TIC teña senso de seu e poida ter garantías plenas de éxito. Realizarase asemade unha investigación DAFO da empresa. O analista que abordará os traballos será experto e contará coas ferramentas axeitadas para avaliar as situación de negocio e TIC de cada empresa e poder crear unha diagnose acertada. En base aos datos recabados elaborarase unha folla de ruta para a mellora de procesos na empresa que disporá dunha dimensión TIC pero tamén dunha dimensión organizativa.
