Vigo segue a apuntalar o seu futuro como referente da investigación aeroespacial. Así nolo conta o Consorcio da Zona Franca, que xunto coa Fundación INCYDE e grazas ao financiamento dos fondos FEDER (80%) e ás propias achegas nacionais da Zona Franca (20%), vai organizar os vindeiros 27 e 28 de xuño unha xuntanza profesional para viveiristas galegos interesados en desenvolver a súa actividade nun eido de traballo especialmente prometedor: o dos recursos de comunicación e investigación en órbita. O encontro desenvolverase baixo o epígrafe A transferencia de tecnoloxía do espazo ás PEME: unha oportunidade para as empresas. En total, agárdase a presenza de máis de 100 empresas residentes dentro dos viveiros galegos que forman a Rede de INCYDE a día de hoxe.
A conferencia inaugural virá da man do astronauta alemán Ulrich Walter, que en 1993 voou a bordo do transbordador espacial Columbia na misión STS-55 (Spacelab D-2), como especialista de carga útil pasando 9 días, 23 horas e 40 minutos no espazo. Despois do seu voo espacial, traballou durante catro anos máis no DLR. Desde 2003, foi profesor no Instituto de Astronáutica da Universidade de Múnic, ensinando e investigando a tecnoloxía dos satélites.
A xuntanza tamén incluirá entre outras cousas unha mesa redonda, dirixida a amosar as devanditas oportunidades de negocio para as nosas PEME (casos de éxito), e contando coa presenza de Vicente Gómez Molinero, responsable técnico de EADS CASA Espazo, María Jesús Rivas Martínez, asesora externa da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, Fernando Aguado, coordinador do grupo aeroespacial da Universidade de Vigo, Juan Manuel Tizón Pulido, membro do Departamento de Motopropulsión e Termofluidodinámica da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade Politécnica de Madrid e Juan Cabrera Revuelta, xefe de Programa SBAI da Fundación INCYDE. Na sección de obradoiros, contarase coa participación de Juan Planes (que exporá as claves do éxito dunha empresa innovadora), Javier González Sabater (que falará dos piares para o desenvolvemento dun negocio de alta tecnoloxía) e José Antonio Vilán (vicerreitor de Transferencia de Coñecemento da UVigo, que debullará os segredos e obxectivos da aposta polo espazo da institución educativa galega).
A Zona Franca de Vigo e INCYDE amosan a finais de xuño as oportunidades do ámbito espacial para as nosas empresas
Compartir Este Artigo
