Semella que os cambios recentes no Clúster TIC Galicia están preto de darlle azos definitivos á nosa alianza de alianzas, logo de certos problemas de entendemento entre asociacións integrantes e directiva, unidos á ausencia dunha mensaxe e dun espírito integrador que permitisen a total identificación co proxecto a tódolos niveis e dende tódalas frontes. En definitiva, faltaba cohesión na diversidade (e viceversa). A idea da nova equipa de goberno do Clúster, precisamente, é traballar no afianzamento do acordo para a reunificación dunha importante parte do sector TIC galego, “un feito que abre novas portas de crecemento e expansión”, sinálase. Ao abeiro deste acordo, que permite a reincorporación de EGANET, desligada hai dous anos do Clúster, este xunta forzas coas 70 empresas que forman parte da asociación que dirixe Víctor López.
A nova estratexia establecida, sinala o Clúster, fará que este sexa máis “aberto e participativo”, máis claramente o punto de unión e de colaboración entre grandes e pequenas empresas, así como de todos os axentes TIC de Galicia implicados na innovación. E engade: “O labor destes axentes, xunto ao bo facer xa amosado polas asociacións empresariais e dos colexios profesionais que xa traballan no Clúster (como é o caso de INEO, AMETIC, COETG e CPEIG) facilitarán e axilizarán a consecución dos grandes retos que o sector ten que acometer”.
A maiores, os acordos asumidos na pasada asemblea tamén se dirixen a facilitar a entrada no Clúster TIC Galicia de emprendedores, grandes clientes, asociacións de demandantes TIC e centros tecnolóxicos, un proceso cualificado de “necesidade longamente demandada”, básica para converter a entidade nun polo de coñecemento e excelencia TIC. Lembrar que aquela conta a día de hoxe con 116 membros de seu. Os seus obxectivos presentes son os de seguir traballando para chegar a acordos semellantes con outros importantes axentes do sector, coa vista posta na oportunidade que supón a estratexia RIS (estratexia de especialización) galega, que esixe asentar o modelo de innovación colaborativa e consolidar unha cadea de produción, exportación e emprego TIC de calidade no noso país.
EGANET e as súas setenta empresas achegan a súa forza ao Clúster TIC de Galicia
Compartir Este Artigo
