A empresa galega Sonen, da que temos falado para dar conta das aplicacións da súa tecnoloxía na discoteca máis grande do mundo, vén de pór en marcha un selo gratuíto de calidade acústica para impulsar e avalar a confortabilidade de locais de hostalería e salas de concertos. Os selos, estreados en nove locais do ámbito estatal (sete galegos, un barcelonés e outro de Eivissa), baséanse en asegurar a comodidade dos clientes en relación ao ruído do local, clientes que terán á súa disposición, previamente, unha rede web de establecementos xeolocalizados, aq.sonen.es, nos que poderán confirmar cales son os negocios adheridos á iniciativa que contan coa devandita acreditación. O selo AQ (acoustic quality) diríxese polo tanto a crear comunidade.
Os locais que conten co dito aval subministrado pola firma galega, nada na Tecnópole de Ourense, poderán amosalo tamén in situ, con colantes específicos, tras comprobar a empresa que contan coas características acústicas idóneas a través dunha análise de balde das súas condicións.
Segundo informa a Tecnópole, este proxecto iniciouse hai un ano na plataforma de ideas do festival PortAmérica, un encontro de música e ideas que se celebra ata o 20 de xullo en Nigrán (Pontevedra). Precisamente, recórdanos o Parque Tecnolóxico de Galicia, Sonen colabora este ano no festival repartindo de balde tapóns de escuma que axudan a illar o ruído, “polo que non só contribuirán ao descanso dos participantes que ocupan a zona de campamento senón que axudarán ao maior goce dos concertos, xa que se trata dun modelo de tapón que filtra o ruído pero permite escoitar a música de forma limpa”, engádese.
Sonen crea unha rede de locais e auditorios con calidade acústica
Compartir Este Artigo
