O Feirón, iniciativa do operador galego R da que comezamos a escoitar a falar en novembro do ano pasado coa posta en marcha dunha plataforma compostelán para favorecer a comunicación entre os vendedores e os compradores locais, ten visos de converterse nun proxecto aplicable a toda a nosa xeografía. En realidade, non é que teña visos nin que sexa un proxecto: trátase dunha realidade confirmada pola propia compañía de telecomunicacións. Polo tanto, o que comezou sendo un experimento para botar unha man ao pequeno comercio e ás empresas de Compostela (mergulladas nunha competición constante con grandes empresas de meirandes recursos e potencial de compra), dá o chimpo a todo territorio galego. A fin de contas, o que acontece en Santiago (esa loita pola supervivencia das pequenas e medianas empresas fronte ás grandes superficies e compañías en xeral), é aplicable a todo o país.
Que vai pór Feirón a disposición do comercio galego? Pois para comezar, unha ferramenta de xestión de clientes baseada nas nosas tecnoloxías que busca establecer ligazóns entre compradores e pequeno comercio, tendas ou mesmo empresas de servizos, “de xeito que todos saian gañando”, informa R. Entre as actividades concretas a desenvolver inclúense premios por ir ás tendas, ao tempo que se lles ofrece aos clientes información detallada sobre produtos e servizos de xeito ordenado e organizado. En opinión do operador galego, Feirón non é máis que un xeito de botar unha man entre empresas que, coma R, teñen que estar todo o día reinventándose para non esmorecer fronte á gran competencia. Este proceso de reinvención proposto por Feirón baséase, como non, no emprego das novas tecnoloxías. Así, nas tendas adheridas instálase un dispositivo que se conecta cunha plataforma en liña. Aí vanse rexistrando os clientes interesados, cos que nos podemos comunicar dende o noso establecemento ou informar das ofertas. Asemade, entre aqueles que vaian ás tendas Feirón e fagan check in no dispositivo, faise un sorteo mensual de 500 euros para, en palabras de R, “animar a esta rede de vantaxes para todos, comercio local e clientes en Galicia”. Por certo que o chouto de Feirón dende Compostela ao resto de cidades e vilas xa comezou, máis polo miúdo hai unha semana. Ao longo deste tempo, xa solicitaron entrar a formar parte da iniciativa máis de cen negocio, “e de seguro que a cifra vai ir aumentando”, informa a operadora.
A iniciativa Feirón de R esténdese a todo o territorio galego
Compartir Este Artigo
