
Cameron expón que hai dous grandes desafíos a superar, pois por unha banda está o problema criminal (os contidos de abuso infantil na Internet) e por outro o cultural (a facilidade de que os menores vexan pornografía dende moi novos, podendo distorsionar o xeito no que ven as relacións persoais). E aínda que recoñece que as autoridades policiais e provedores de servizo están a facer un bo traballo nos últimos anos erradicando a pornografía infantil da Rede, adianta algúns cambios lexislativos importantes, como que a posesión de pornografía en liña na que se amosen violacións será ilegal en Inglaterra e Gales (como xa é en Escocia), desenvolverán leis que fagan que o vídeo en directo a través da Internet teña que someterse ás mesmas restricións que ao venderse en tendas, os buscadores de Internet terán ata o mes de outubro para introducir medidas para bloquear o contido ilegal, os expertos do Centro de Abuso Infantil e Protección En Liña (CEOPC) para examinar as redes de intercambios de ficheiros, crear unha base de datos segura de imaxe de pornografía infantil elaborada pola Policía para utilizala para localizar contidos ilegais e ás persoas que os consumen e, especialmente, os accesos á Internet dende liñas fixas deberán incluír de xeito predeterminado filtros para impedir os contidos pornográficos para novos clientes antes de rematar o ano.
Esta última medida está a ser moi criticada, pois supón un acto de censura activa (aínda que os clientes poderán solicitar a desactivación dos filtros), e depende excesivamente dun sistema de filtrado que dista moito de ser perfecto, o que podería provocar numerosos falsos positivos, como xa está a acontecer no Reino Unido co acceso á Rede a través do móbil (onde levan tempo aplicando este tipo de filtros). Algúns provedores de Internet xa manifestaron o seu rexeitamento á nova medida anunciada por Cameron, por entender que a aplicación dun filtro de xeito predeterminado non é realmente unha opción, e por considerar que os filtros tampouco son ningunha garantía de que os menores non accederán a pornografía a través da Internet (os filtros actuais son relativamente doados de burlar).
Reino Unido censurará a pornografía na Internet
Compartir Este Artigo
