Tras anunciar hai 3 semanas o inicio dunha experiencia piloto para probar a incrustación de contidos de Facebook en páxinas web de terceiros, a compañía de Mark Zuckerberg abre esa nova posibilidade a todos os seus usuarios, de xeito que agora podemos coller calquera publicación de Facebook, e picando na ligazón “Insertar publicación” conseguir o código que despois podemos pegar na nosa páxina web ou blog para que o contido se vexa replicado mantendo a posibilidade de interactuar co mesmo.
Deste xeito, non só podemos levar as anotacións feitas en Facebook a outras páxinas web, senón que incluso os vídeos en tal plataforma poden agora verse noutros espazos, o que sen dúbida contribuirá á súa difusión, podendo chegar incluso a competir con YouTube.
Dende Facebook aseguran ter adaptado esta nova funcionalidade a dispositivos móbiles, de xeito que cando alguén incruste un contido de Facebook na súa web terá garantido que a súa visualización nun móbil (cun espazo de pantalla moi inferior ao monitor dun ordenador) poida realizarse dun xeito óptimo.
Para facilitar o uso desta nova funcionalidade tamén veñen de actualizar o plugin de Facebook para WordPress, de xeito que o xestor de contidos máis empregado do mundo facilitará esta prestación, o que sen dúbida contribuirá á súa popularización.
Cómpre destacar que para que un contido de Facebook poida compartirse a través da web é preciso que estea etiquetado como público, pois esta nova funcionalidade respectará as opcións de privacidade que elixa o usuario.
Velaquí un exemplo de incrustación:
