O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) vannos lembrar, un ano máis, a importancia de seguir apostando polas novas canles por onde viaxa o coñecemento e a información e o relevante que é para calquera sociedade (incluída a nosa) ollalas de fronte e facelas súas. Esta é unha das mensaxes que o Colexio e a Asociación lanzarán na súa tradicional Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se celebra o vindeiro venres 25 de outubro no Gran Hotel da Toxa, no Grove, Pontevedra. Trátase, para ir poñéndonos en situación, da XVIII edición deste evento, que desta volta estará dedicado a algo que nos afecta a todas e todos, vivamos nas cidades ou lonxe delas: as novas tecnoloxías da información e a mellora na seguridade viaria.
E todo isto, facendo fincapé en cuestións como a sustentabilidade e a innovación aplicadas ao desenvolvemento de vehículos. O lema é As TIC e a mellora na seguridade viaria, e para tirar o máximo partido desta temática contarase coa presenza de destacados especialistas nestes dous ámbitos (as novas tecnoloxías e o motor) e nas súas múltiples posibilidades de interacción. Segundo fai saber a organización, “dada a temática elixida para esta nova convocatoria, cremos firmemente que a Noite, consolidada xa como o evento de referencia do sector TIC en Galicia, pode converterse na mellor plataforma para establecer sinerxías entre dous sectores que traballando conxuntamente, poden exercer un papel clave no impulso da competitividade e no crecemento da economía galega”. Ademais, o evento dará acubillo aos máximos representantes institucionais de Galicia, “contándose tamén co patrocinio das empresas máis importantes no eido das TIC e dos demais sectores implicados”, informa o Colexio. Entre estes sectores implicados inclúese o devandito do motor pero tamén o das infraestruturas viarias, a navegación por satélite, a electrónica de consumo, as enerxías renovables ou as industrias complementarias a todos estes sectores.
Un ano máis, a intención dos organizadores é xuntar na devandita galega ao máximo número de representantes do eido TIC galego. Segundo as estimacións do COETG-AETG, acudirán á cita preto de 300 profesionais e empresas. Asemade, como vén sendo tradición no transcurso da gala farase entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2013. Os recoñecementos que se entregarán neste día estelar das telecomunicacións galegas serán o Premio COETG-Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC 2013, patrocinado pola Fundación homónima e dotado con 6.000 euros, é unha iniciativa que premia aqueles proxectos empresariais emerxentes no ámbito das TIC que representen unha innovación, coa finalidade de darlles un impulso económico, empresarial e social a aquelas empresas que están empezando a súa andaina; o Premio COETG-Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2013, distinción que pretende fomentar a realización de teses doutorais como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC; e o Premio COETG-INEO ao produto ou servizo TIC máis innovador do 2013, instituído pola AETG e patrocinado por INEO, a Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación, e que está destinado a recoñecer ás empresas que estean a contribuír ao impulso do sector galego das TIC e a dinamización da Sociedade da Información e o Coñecemento en Galicia.
A Noite Galega das Telecomunicacións afondará nas múltiples ligazóns entre as novas tecnoloxías e o motor
Compartir Este Artigo
