Como temos repetido estes días en moitas ocasións, se cadra en máis ocasións das que sería aconsellable, o outono está a ser especialmente pródigo en eventos ligados ás novas tecnoloxías da información, unha chea deles a coller corpo e desenvolvérense na nosa terra. O bo da cuestión é que hai eventos para tódolos gustos, mesmo para a mocidade que pide paso. Por exemplo InterGalNet, o encontro para a xuventude en liña que se celebra entre os días 15 e 17 de novembro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. A xuntanza, que se vai desenvolver ao longo de 72 horas, diríxese a reunir baixo un mesmo teito a cifra nada desprezable de 2.000 seareiros das redes e dos videoxogos (cousas como FIFA 14, Call of Duty: Black Ops 2, StarCraft 2, League of Legends e Gran Turismo 5, que servirán de escusa para un completo programa de torneos).
Por certo que InterGalNet terá un custo de 20 euros por persoa e estará ligada á Internet cun caudal de 10 Gbps, asegurando unha conectividade máis que óptima para os usuarios. Lembrar que amais dunha LAN Party tradicional, InterGalNet tamén dará acubillo a unha zona de acampada, unha zona de lecer-espectáculo e espazos para actividades de paintball, exposicións e simuladores. Asemade, ao longo das tres xornadas nas que se desenvolve o encontro, probaranse in situ algunhas das principais novidades do eido dos videoxogos (produtos, consolas) e da informática de lecer, constituíndose en adianto do que vai deparar o mercado os días seguintes (a campaña de Nadal). A xuntanza está organizada e apoiada por un bo número de empresas e institucións galegas, entre as que se contan Intermax, Ozone ou Disco Azul.
InterGalNet servirá de adianto das principais novidades de Nadal no eido dos videoxogos
Compartir Este Artigo
