A empresa galega Torus Software Solutions, spin-off da Universidade da Coruña, é unha firma de solucións software de comunicacións ultrarrápidas, que permite acelerar aplicacións en contornas onde o rendemento é crítico, en especial no eido financeiro, o das telecomunicacións e a enerxía. Torus, unha Empresa de Base Tecnolóxica (EBT) participada pola Universidade da Coruña (UDC) e a Fundación Barrié (a través do seu Fondo de Ciencia que pon en valor a investigación levada a cabo en Galicia e por investigadores do Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC), está xa presente nos mercados máis competitivos, traballando para as principais entidades financeiras de Londres e Wall Street. Asemade, vén de ser seleccionada como finalista da competición SmartCamp de IBM, que xa vai pola cuarta edición.
Lembrar que a SmartCamp é unha competición mundial de emprendedores na que se elixirá á mellor solución de base tecnolóxica aliñada cos obxectivos da estratexia Smarter Planet de IBM. Esta iniciativa -inserida no Programa Mundial de Emprendedores (IBM Global Entrepreneur)- dá soporte a empresas de recente creación para que leven á práctica os seus proxectos e ideas de negocio.
Amais disto, SmartCamp supón para os participantes unha oportunidade única de networking coa posibilidade de recibir apoio e asesoramento da man de empresas de capital risco, investidores locais e internacionais, executivos da industria e emprendedores de referencia.
Engadir, por último que este ano, IBM celebrará varias convocatorias de SmartCamp en distintas cidades do mundo. España acollerá (por terceiro ano consecutivo) unha das edicións rexionais da competición, cuxa final se celebrará en Madrid os vindeiros 23 e 24 de outubro de 2013.
A competición SmartCamp de IBM nomea finalista á empresa galega Torus
Compartir Este Artigo

