Nos últimos meses boa parte das páxinas web que visitamos con frecuencia amosaban unha alerta advertido do uso de cookies para facer un seguimento do usuario que nuns casos é para uso estatístico e noutros ten un carácter máis técnico que facilita que o espazo web poida funcionar con normalidade, pero este molesto aviso estaba realizándose por un único motivo: un cambio lexislativo que obrigaba a facer tal. Ao parecer, son moitas as empresas que non son conscientes desta regulación, o que levou á recepción de varias denuncias que levaron á Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) a pór mans no asunto, coñecéndose xa a primeira resolución sobre o tema (dispoñible para a súa descarga en formato PDF), na que condenan a Navas Joyeros Importadores, S.L. e Privilegia Luxury Experience, S.L. a pagar 3.000 e 500 euros respectivamente por non respectar a normativa sobre cookies recollida na Lei de Servizos da Sociedade da Información, ao que habería que engadir unha sanción de 1.500 euros á primeira empresa por vulnerar a Lei de Protección de Datos ao non especificar o tratamento que fai dos datos dos seus clientes que recolle a través da súa web.
Na resolución detállanse o uso de cookies de servizos como Google Analytics, Google Maps, YouTube, WordPress, Zopim, Quantcast, Seevolution, Google e DoubleClick, moi habituais na Internet, e que serven para levar estatísticas de uso da páxina web, almacenar preferencias do usuario, controlar a publicidade ou mesmo permitir o bo funcionamento dunha plataforma de comercio electrónico, que non suporían ningún tipo de intromisión para o usuario sempre que se tivesen notificado do seu uso.
Sorprende ver como a AEPD actúa contra empresas tan pouco significativas, cando a meirande parte das grandes empresas españolas non cumpre coa coñecida como Lei de Cookies (que non e tal, pois trátase simplemente dunha modificación da LSSI-CE realizada en 2012) que por moitos expertos está considerada como inxusta, por asustar aos usuarios e limitarse a empresas europeas (deixándoas nunha posición menos competitiva), á vez que o usuario sempre tivo un control efectivo das cookies que se instalan no seu navegador web (as opcións de privacidade permiten elixir o tipo de cookies aceptadas e incluso o seu bloqueo total) polo que trasladar a responsabilidade de empregar un recurso técnico ás empresas parece unha medida excesiva (especialmente cando en moitos casos faise sen o seu coñecemento, xa que son servizos de terceiros os que instalan as cookies nos equipos dos usuarios).
Sancionan a dúas empresas españolas por vulnerar a Lei de Cookies
Compartir Este Artigo

