
O obxectivo do proxecto, sinala a UVigo, é “contar con mapas enerxéticos tridimensionais que permitan o coñecemento dos consumos dos edificios, para mellorar a eficiencia tanto en contornas profesionais como domésticas”. Ensmart arrancou en 2012 coas dúas universidades incorporándose en 2013. O Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da ETSE de Minas encárgase, xunto cos investigadores de Salamanca, de compilar a información sobre a envolvente térmica de edificacións en diferentes lugares de España para crear o mapa tridimensional.
Un dos integrantes do grupo galego é o investigador Pedro Arias, que informa que o traballo das institucións académicas deu forma sobre todo a un modelado enerxético que precisou do deseño e e materialización de tres vehículos que están a tomar datos da envolvente térmica dos edificios, dende terra e dende o ar. Arias engade que con esta iniciativa o obxectivo é determinar o comportamento enerxéticos dos edificios. “Para iso”, di, “estase a facer un modelado de fachadas de diferentes contornas urbanas de todo o territorio estatal para identificar os puntos de fuga de enerxía, os puntos quentes”.
Un dos vehículos deseñados para facilitar os traballos é o Mobile Mapping System (MMS), que é o que manexa o grupo vigués. Este aparello terrestre é quen de adquirir nubes de puntos, imaxes, posicións xeorreferenciadas, intensidades e termografías das construcións ata cadanseu terceiro andar. Neste equipo integráronse sensores LiDAR (Light Detection and Ranging). O vehículo aéreo non tripulado (UAV), co que traballan ambas universidades, é manexado a distancia por un sistema de navegación autónomo, de tipo GPS/IMU, ademais de dispor de sensores con cámaras termográficas e cámaras visibles RGB que permiten obter información ata o último piso dos edificios. Os investigadores da Universidade de Salamanca tamén empregan o Paramotor, un vehículo tripulado que ten maior autonomía de voo.
Dinsa e Enxeñaría Insitu ocuparanse da análise da información recollida, estimando o comportamento das edificacións e realizando as correspondentes recomendacións. Pola súa banda, a empresa valenciana Marsan céntrase no eido da seguridade e a saúde.
O proxecto está cofinanciado polo Ministerio de Economía e Competitividade e a Unión Europea, a través dos fondos Feder e ao abeiro do programa Unha maneira de facer Europa. Conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros, un terzo dos cales son achegados por Dinsa.
Este proxecto ten moito potencial de uso e aproveitamento para investigadores destas e outras materias. Segundo apuntan os responsables da iniciativa, o coñecemento xerados pode ser de grande utilidade para os procesos de auditoría enerxética desenvolvidos por empresas de servizos enerxéticos e polas administracións públicas.
Investigadores galegos participan nun proxecto para coñecer o consumo enerxético dos edificios con mapas en 3D
Compartir Este Artigo
