Na pasada edición da GDC dende Oculus VR anunciaron o novo kit de desenvolvemento de Oculus Rift, que pretende converterse na grande plataforma de realidade aumentada nos videoxogos de cara ao futuro, e en vista deste grande potencial, dende Facebook moveron peza e, pese a que parecía que non ían facer grandes adquisicións despois da compra de WhatsApp, sorprenden anunciando que chegaron a un acordo para mercar Oculus VR por uns 2.000 millóns de dólares, dos que 400 millóns serían en efectivo e 23,1 millóns de accións de Facebook (valoradas nuns 1.600 millóns de dólares), coa posibilidade de engadir ao acordo outros 300 millóns de dólares (entre efectivo e accións) de acadar certos obxectivos. A compra debería de completarse no segundo trimestre do ano.
Esta operación resulta especialmente sorprendente porque Facebook non tiña demostrado ningún interese anterior no desenvolvemento de videoxogos nin na realidade virtual pero, segundo Mark Zuckerbert, queren adiantarse ao futuro, e igual que hoxe están a centrar os seus esforzos no móbil, queren estar listos para as plataformas do mañá, destacando que “Oculus ten a oportunidade de crear a plataforma máis social da historia, e cambiar o xeito no que traballamos, xogamos e nos comunicamos”. Zuckerberg chega a asegurar que a tecnoloxía de realidade virtual, pese a parecer un soño de ciencia ficción, está cada vez máis preto, e permitirá que no futuro poidamos participar de aulas dispersas por todo o mundo como se estivésemos nun único lugar físico, consultar ao médico cara a cara pondo un lentes dende a nosa casa ou compartir experiencias cos amigos.

Facebook faise cunha compañía especializada en realidade virtual por ata 2.300 millóns de dólares
Compartir Este Artigo
