Facebook merca WhatsApp por 16.000 millóns de dólares

mércores, 19 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

As aplicacións móbiles de mensaxería instantánea están de máxima actualidade, o que hai poucos días levou a Rakuten a pagar 900 millóns de dólares por Viber, e agora leva a Facebook a anunciar o peche dun acordo para a compra de WhatsApp por 16.000 millóns de dólares, dos que 4.000 millóns achegaranse en efectivo e o resto en participacións de Facebook, reservando outros 3.000 millóns adicionais para fundadores e empregados de WhatsApp que se manteñan 4 anos na compañías tras o peche desta operación.
A compra de WhatsApp por parte de Facebook parece ir dirixida a mellorar a penetración da empresa de Mark Zuckerberg no seu talón de Aquiles, o móbil, posto que actualmente hai máis de 450 millóns de persoas empregando WhatsApp cada mes, co 70% deses usuarios activos diariamente. De feito, o volume de mensaxes intercambiadas a través de WhatsApp está a piques de superar ao de mensaxes de texto dende o móbil a nivel mundial, e continúa medrando a un ritmo de máis dun millón de usuarios ao día.
Dende Facebook pretenden acometer a absorción de WhatsApp dun xeito semellante a como fixeron con Instagram, instando a manter un contorno no que os emprendedores dos proxectos de éxito poidan continuar á súa fronte, beneficiándose dos recursos que ofrece Facebook para o seu crecemento. O propio Mark Zuckerberg insiste no feito de que “WhatsApp continuará a operar de xeito independente en Facebook” sen alterar o seu itinerario previsto e complementando os servizos de mensaxería de Facebook, de xeito que WhatsApp e Facebook Messenger continuarán a operar por cadansúa banda, en boa medida por ter utilidades moi diferentes.

PUBLICIDADE