O Clúster TIC Galicia e o Clúster Audiovisual Galego (CLAG) unen forzas para ofrecer, a finais deste mes, unha actividade formativa de gran interese para todos aqueles profesionais da nosa terra que teñan entre mans un proxecto tecnolóxico ou audiovisual (ou tecnolóxico-audiovisual, unha mestura de ámbitos cada vez máis común e enriquecedora) e desexen coñecer metodoloxías para que abrolle e sexa unha realidade. O obradoiro Transformar unha Idea nun Negocio de Éxito celebrarase os días 30 de abril e 7 de maio en Santiago de Compostela.
A través desta acción, informan ámbalas plataformas galegas, facilitarase “unha visión panorámica de todos os actores claves na posta en marcha dun proxecto concreto, o potencial de negocio que poida xerar e os aspectos determinantes para o seu éxito, centrándose no cliente e a identificación das súas necesidades”. O prazo de inscrición está aberto ata o día 28 de abril.
A actividade diríxese sobre todo a un público sen coñecementos empresariais. A intención, mediante unha metodoloxía de fomento do networking, é axudar a este público potencial a avaliar a viabilidade dos seus negocios, identificando os posibles clientes e as relacións con eles, socios, actividades e recursos clave, posibles ingresos e os custos da posta en marcha das iniciativas.
O obradoiro, nun senso máis específico, encamíñase ás empresas desenvolvedoras de contido dos medios dixitais e interactivos, o cinema e a televisión, a edición e os subsectores de xogo, así como a todos aqueles profesionais cun proxecto concreto e un cliente ao que satisfacer.
Este curso está cofinanciado polo IGAPE e a Consellería de Economía e Industria e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través da liña de Axudas do IGAPE ás agrupacións empresariais innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia, co-financiadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2007-2013.
O obradoiro ten unha duración de 16 horas, Que se impartirán os mércores, días 30 de abril e 7 de maio, en horario de 10 a 14 horas, en sesión de mañá, e de 15 a 19 horas, pola tarde, na sede de FEUGA en Santiago de Compostela.
O Clúster TIC e o CLAG organizan un obradoiro de emprendemento para empresas de contidos dixitais
Compartir Este Artigo
