
-Leva unhas semanas á fronte do CITIC, que é o que máis destacaría do centro?
-Son varios os aspectos que se poden destacar do CITIC, pero si temos que centrarnos nun sería as altas capacidades de investigación que presenta. O CITIC artéllase en 12 amplas áreas tecnolóxicas, polo que cobre un espectro moi amplo no eido da investigación en I+D+i aplicado nas TIC. Ademais, no seu equipo de máis de 250 investigadores combínanse departamentos de investigación de empresas con investigadores universitarios; froito desta composición constitúese unha contorna mixta que permite fomentar a transferencia tecnolóxica polo maior coñecemento das necesidades da empresa e a sociedade.
-Compartiu obrigas na universidade e na empresa, como pode favorecer ao CITIC a súa experiencia previa?
-O Centro ten como un dos seus principais obxectivos fomentar a transferencia tecnolóxica, levando as investigacións da universidade á empresa para repercutir de xeito favorable na sociedade, polo que coñecer a realidade de ambos axentes é moi importante para poder levala a cabo. Non só se trata de identificar as demandas, falamos de dous ámbitos diferentes e o CITIC busca que conflúan nun mesmo punto.
Son moitas as variables que temos que controlar, os proxectos de investigación nos que traballamos, a xestión empresarial, a contorna universitaria, os procesos en ambos eidos… Intentarei aplicar a miña experiencia neste sentido para favorecer a transferencia.
-Os proxectos de investigación do CITIC teñen moitas aplicacións en sectores moi diferentes, como valora este papel multidisciplinar?
-É un centro de referencia a nivel nacional precisamente por este motivo. A riqueza das súas investigacións é un papel importantísimo que permite achegar un alto valor engadido aos proxectos que se transfiren e aplícanse na sociedade, a súa comunidade científica presenta unha relevante experiencia pola súa actividade investigadora, o que sitúa ao centro como un socio estratéxico para calquera sector ou empresa. Investigamos en proxectos con aplicación en sectores como o transporte, a localización, o envellecemento activo e a saúde, o industrial, a eficiencia enerxética, a seguridade informática ou a domótica. Traballamos con PEME que polas súas características non dispoñen de departamentos de investigación e con multinacionais que atopan nas nosas investigacións proxectos a desenvolver e aplicar.
-Que reto lle suscita a súa coordinación?
-Continuar a súa liña de desenvolvemento, expansión e evolución, reforzando a súa aposta pola internacionalización. Desde a súa posta en marcha en 2008, o CITIC mantivo un crecemento sustentable participando en máis de 100 proxectos de transferencia tecnolóxica. Neste tempo converteuse nun axente que potenciou o avance, desenvolvemento e innovación das TIC, situándose á vangarda da investigación en Galicia e España.
O traballo dos seus investigadores, das oficinas de apoio e o labor dos anteriores coordinadores foi magnífica e un exemplo a seguir, con cada un deles o Centro deu novos pasos cara a adiante e, en definitiva, ese é o meu principal obxectivo: continuar repercutindo sobre a sociedade as bondades das nosas investigacións.
O novo coordinador do CITIC aposta pola internacionalización do centro
Compartir Este Artigo
