
Juan M. Vieites, presidente de ATIGA, e Jesús Lago, director xeral de AIMEN, foron os encargados de inaugurar este encontro, salientando “a forte aposta do tecido produtivo galego pola innovación e o apoio ofrecido polos centros tecnolóxicos integrados en ATIGA”, entre os que se contan Gradiant (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), o CTAG (automoción) ou o propio AIMEN (metalurxia e enxeñaría industrial), entre outros. Segundo fixeron saber, ATIGA e os seus integrantes desenvolven arestora arredor de 350 proxectos de innovación, dos que máis de 60 son executados a nivel europeo, amais de ter rexistradas máis de 40 patentes.
Na xornada tamén participou Joaquín Vázquez, director comercial de AIMEN, que incidiu no tres grandes bloques nos que se estrutura a oferta tecnolóxica deste centro: I+D, ensaios e análises e servizos industriais. Respecto da área de I+D+i, amosou a experiencia adquirida na investigación de materiais avanzados, como adhesivos e composites; en robótica, control e visión artificial (eidos de gran interese para as empresas); en procesos avanzados, especialmente coa aplicación da tecnoloxía láser; ou no medio ambiente, no que se está traballando na mellora do tratamento de augas en diferentes proxectos internacionais.
Na cita, amais dos representantes de ANFACO-CECOPESCA, o CTAG e o CDTI, participou tamén Fernando Jiménez, xerente de Gradiant, que subliñou a necesidade de conseguir que as empresas saian a novos mercados tecnolóxicos, para que poidan medir os seus produtos e procesos cos seus competidores, “asumindo así un maior nivel de esixencia”. Tamén fixo un percorrido polas diferentes liñas de actividade na que este centro tecnolóxico apoia ás compañías en transferencia de coñecemento: comunicacións avanzadas, sistemas intelixentes en rede, servizos e aplicacións, información multimodal e eSaúde.
Os centros tecnolóxicos galegos amosan a súa experiencia e dispoñibilidade colaborativa perante uns 30 empresarios
Compartir Este Artigo
