A loita xudicial entre Apple e Samsung empregando as patentes como armas está a saldarse de xeitos diversos en distintos países, e o único mercado no que os tribunais parecen favorecer de xeito claro a Apple é o dos EE.UU., polo que non parece sorprender o acordo que veñen de pechar ambos fabricantes: cesarán todas as causas de patentes fóra de EE.UU., de xeito que en países como Australia, Francia, Alemaña, Italia, Xapón, Países Baixos, Reino Unido e Corea do Sur deixarán de intentar gañar nos xulgados o que non poden facer nas rúas.
Lembremos que nos distintos países Apple acusa a Samsung de copiar os deseños do seu iPhone, mentres que Samsung tamén protesta por atopar que Apple empregaba elementos da súa tecnoloxía de transmisión de sinais sen fíos sen permiso, o que os estaba a levar a unha serie de causas xudiciais por todo o mundo que non parecían ter fin, e nos que ambas partes remataban tendo que indemnizar á outra, de xeito que non chegaba a compensar esta guerra de patentes global.
As causas xudiciais nos EE.UU. continúan adiante, en boa medida polo volume económico que poderían acadar as sancións a Samsung, de xeito que aínda seguiremos escoitando falar sobre a polémica disputa (difícil de entender dende Europa, onde o tipo de patentes supostamente infrinxidas non se considerarían legais).
A guerra de patentes entre Apple e Samsung limitarase aos EE.UU.
Compartir Este Artigo

