Tras moitos rumores sobre un posible servizo musical de subscrición por parte de YouTube, finalmente dende Android Police desvelan que Google estaría a preparar YouTube Music Key, que ofrecería música sen anuncios, reprodución só de audio (para escoitar de fondo ou coa pantalla apagada) e reprodución fóra de liña por un prezo de 9,99 dólares/mes que podería probarse durante 30 días. Amais, o servizo estaría asociado ao actual Google Play Music All Access (que mudaría de nome a Google Play Music Key), de xeito que teriamos un servizo que competiría seriamente con plataformas como Spotify.
Entre os atractivos de Music Key estaría o feito de que os usuarios non terían só acceso a discografías oficiais, senón tamén a concertos, versións e remixes, aproveitando que YouTube é unha plataforma máis aberta que as plataformas musicais que temos ata o momento.
YouTube Music Key tamén realizará suxestións en función do que se ve ou escoita en YouTube, o que podería ser un dos seus grandes atractivos (xa que actualmente o consumo musical a través de YouTube é moi elevado).
YouTube está a preparar un servizo musical de subscrición
Compartir Este Artigo

