A partir desta tarde a última actualización do sistema operativo móbil de Apple está dispoñible para a súa descarga dende dispositivos compatibles, polo que millóns de usuarios de todo o mundo poden así dar o salto a iOS 8, unha plataforma que destaca pola súa grande apertura de cara aos desenvolvedores, de xeito que nos vindeiros meses veremos como os dispositivos con iOS comezan a facer cousas que ata o momento parecían imposibles.
Entre as cousas que permite iOS 8 está o retoque e localización de fotografías a grande velocidade, a posibilidade de engadir voz a unha mensaxe de texto, permitir que as aplicacións de saúde e deporte se comuniquen entre elas (ou co noso adestrador ou co noso médico) e engade un maior control aos documentos almacenados na nube (xa que iCloud prepara a súa migración a iCloud Drive, de xeito que convértese nunha especie de Dropbox de Apple).
Unha das funcionalidades que máis agradecerán algúns usuarios de iPhone será o novo teclado intelixente que incluirá o seu dispositivo, quedando tamén aberta a posibilidade de empregar teclados alternativos de terceiros (como acontece con Android); ábrese a posibilidade de compartir contidos mercados nas tendas dixitais de Apple entre os membros dunha familia; poténciase o sistema de busca dentro dos dispositivos; e tamén vincúlanse dun xeito moi especial os distintos dispositivos de Apple creando unha experiencia de uso continuo (para o que haberá que agardar á vindeira actualización de OS X se queremos facer tal con ordenadores Mac).

Aínda que iOS 8 funcione a partir dun iPhone 4S, un iPad 2 e un iPod touch de 5ª xeración, dende algúns medios en liña están a dar conta dos moitos problemas que xorden ao actualizar os dispositivos máis antigos, de xeito que, por exemplo, os propietarios dun iPhone 4S deberían cavilar ben antes de decidir se actualizan a súa versión de iOS, xa que o seu móbil empeoraría considerablemente o seu rendemento e non podería gozar de moitas das súas novidades polas limitacións do seu hardware. Incluso critican que o sistema operativo está deseñado pensando en pantallas de certo tamaño, de xeito que as dimensións e a relación de aspecto da pantalla do iPhone 4S leva a que as aplicacións teñan unha usabilidade inferior á de trebellos con pantallas máis alargadas ou con máis resolución.
Ao parecer, co iPad 2 e o iPad mini (sen pantalla Retina) tamén se experimenta un peor rendemento do sistema. En calquera destes casos, posiblemente o mellor consello sexa agardar a futuras actualizacións, xa que as primeiras versións de iOS 7 tamén tiñan certos problemas de funcionamento nos dispositivos máis vellos que se suavizaron co tempo.
Os trebellos móbiles de Apple xa poden actualizar a iOS 8
Compartir Este Artigo

