Esta tarde o Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago de Compostela xuntou a preto dun cento de desenvolvedores con tecnoloxías de Google de toda España no Spanish GDG Summit, un cumio formado por unha serie de relatorios de figuras relevantes a nivel estatal, como o especialista en servizos na nube Nacho Coloma, que foi o encargado de abrir o encontro para afondar na tecnoloxía de Cloud GDE.
Un tanto distinta foi a proposta de Mariona Aloy, quen expuxo distintos proxectos de emprendemento desenvolvidos en Barcelona baseándose tanto en tecnoloxías de Google como a inspiradora comunidade de MOB Makers, que é un grande exemplo do que pode conseguirse grazas á popularización de tecnoloxías como a impresión 3D, a robótica, o hardware aberto ou o uso de cortadores láser para facer realidade os nosos deseños.
O relatorio de Raúl Otaolea foi máis tradicional, presentando o framework para a creación de videoxogos WiMi5, e afondando nas plataformas de desenvolvemento baseadas en HTML5.
Completou o evento unha presentación sobre os eventos Betabeers por parte de varios dos seus promotores, Pablo Rodríguez e Álex Andreu, convidando aos asistentes a participar ou organizar algún destes encontros para desenvolveres web e de aplicacións móbiles que en Galicia contan xa cunha traxectoria notable, comezando a celebrarse hai máis de dous anos.
Pero o cumio de desenvolvedores non se limita aos relatorios públicos, senón que durante a fin de semana completaranse con xornadas de traballo nas que tirarán proveito da presenza de numerosos expertos de distintos currunchos de España.
Os GDG españois celebran un cumio en Compostela
Compartir Este Artigo

